Os orzamentos da Xunta para 2021 rematan a súa tramitación en Comisión e quedan pendentes da súa aprobación definitiva en Pleno

15
Xan

Os orzamentos da Xunta para 2021 rematan a súa tramitación en Comisión e quedan pendentes da súa aprobación definitiva en Pleno

Santiago, 15 de xaneiro de 2021.- Os orzamentos da Xunta para 2021 remataron esta mañá a súa tramitación na Comisión 3ª, co que están en disposición do seu debate en Pleno para a súa aprobación definitiva. “Son unhas contas ambiciosas, porque apuran as marxes de endebedamento permitidas, e faise o máximo esforzo para combater os efectos da pandemia sanitaria e conseguir unha Galicia máis próspera no futuro”, manifestou o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy.

Na súa intervención, Puy manifestou que estes orzamentos “apuran as marxes de endebedamento da Comunidade galega, que é posible pola boa situación económica que presenta e o cumprimento permanente da regra de gasto, así como o autorizado pola política monetaria do Banco Europeo e a Fiscalía Europea ”.

 

DIFÍCIL PREVISIÓN DE INGRESOS

 

En contra do que se propón desde o BNG, apoiado polo PSdeG, apuntou que “non é un momento para a suba de impostos”. Neste sentido, rexeitou a proposta da oposición para subir os impostos directos sobre a renda, patrimonio, sucesións e doazóns, ademais de gravames indirectos ás grandes superficies, á rede de transporte de enerxía eléctrica, ás bebidas azucradas ou ás vivendas baleiras.

 

“Todo isto fano seguindo o modelo de Cataluña, que non é o máis apropiado pola fuga de empresas que está a vivir nestes momentos, e sen especificar ningún elemento técnico do tributo que permita facer as estimacións do incremento da recadación”, indicou.

 

Pedro Puy manifestou obxeccións a esta proposta de suba de impostos, xa que, en primeiro lugar, “é difícil facer unha previsión dos ingresos”. Tamén apuntou efectos económicos, “porque están a sacar recursos da sociedade no momento en que é preciso aportar liquidez a familias e empresas”; e efectos na recadación, derivados da posibilidade dos cidadáns para cambiar de domicilio e beneficiarse de impostos máis baixos noutras comunidades autónomas.

Por outra banda, a Comisión 3ª do Parlamento tamén aprobou esta mañá o ditame do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, co que queda pendente da súa aprobación definitiva polo Pleno.

Comparte: