Aprobada no Pleno do Parlamento a Lei de Acción Exterior e da Cooperación para o Desenvolvemento  de Galicia

23
Feb

Aprobada no Pleno do Parlamento a Lei de Acción Exterior e da Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia

Santiago, 23 de febreiro de 2021.- O Pleno do Parlamento deu luz verde á Lei reguladora da Acción Exterior e da Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia, á que o deputado do PPdeG Alberto Pazos definiu como equilibrada, plural e útil, sinalando que é a primeira aprobada no Estado sen confrontación institucional e que foi tramitada de maneira exemplar.

Durante a súa intervención, manifestou que se trata dunha “Lei de país”, que se eleva sobre as diferenzas partidistas para atender ás necesidades da nosa Autonomía como a súa relación coa UE, non esquece ás comunidades galegas no exterior, fortalece o vínculo cultural coa lusofonía e pon en valor o compromiso galego coa solidaridade internacional e a cooperación.

 

Ademais, o deputado popular puxo en valor as aportacións de colectivos, institucións e persoas, o diálogo construtivo e o escrupuloso respecto institucional que están reflectidos en cada artigo deste texto.

 

AUSENCIA DE LEALDADE INSTITUCIONAL


Alberto Pazos tamén afeou que a oposición non apoie este texto lexislativo: “O BNG comparte a Lei, pero non o modelo de Estado; e o PSdeG comparte a Lei, comparte o modelo de Estado pero simplemente négase a calquera acordo co PP”.

 

Así mesmo, indicou que esta é a proba do algodón sobre a suposta lealdade institucional que pregoa o resto de partidos, “porque nin existen motivos reais para non apoiar este texto legal, nin é probable que nos atopemos durante a Lexislatura cunha lei con maior consenso que esta”. Igualmente, engadiu que, se o Bloque non a apoia é porque antepón o ideario do nacionalismo en Galicia aos intereses do pobo galego; e, que se o PSdeG a rexeita, estará confirmando que o actual proxecto do socialismo galego está politicamente amortizado

Comparte: