O PPdeG pide que aumente a chegada de doses para que Galicia poida avanzar máis rápido no Plan de vacinación

23
Feb

O PPdeG pide que aumente a chegada de doses para que Galicia poida avanzar máis rápido no Plan de vacinación


Santiago, 23 de febreiro de 2021.- A deputada popular, Marta Rodríguez-Vispo asegurou no Parlamento que “ata que as doses cheguen a un ritmo constante e axeitado ao grupo de poboación que se precisa vacinar non se pode avanzar ao ritmo desexado por todos”. “Isto é o que condiciona o avance en inmunización e non o número de profesionais”, engadiu lamentando que esteamos a recibir menos vacinas das que nos corresponden.

Deste modo, salientou que o Plan de Vacinación en Galicia “existe e funciona”, explicando que o obxectivo da Comisión Europea é chegar ao verán co 70% da poboación adulta vacinada -o mesmo que ten a Sanidade en España e en Galicia- e isto só se conseguirá se chegan todas as doses de vacinas que necesitamos.

 

Ademais da dispoñibilidade das vacinas e do número de doses recibidas, a deputada sinalou que o ritmo de vacinación tamén depende da colaboración institucional “porque a saúde debe estar por riba de todo”.

 

UNHA BOA PLANIFICACIÓN


Marta Rodríguez-Vispo salientou tamén a boa posición que ten acadado Galicia respecto á administración da vacina fronte ao coronavirus, “un bo traballo que corresponde á planificación que se fai e á boa xestión do Goberno galego”.

 

Nese senso, lembrou que na Comunidade se tomou a decisión de contar cun grupo específico de vacinación dedicado exclusivamente a esta tarefa. Así, 200 profesionais de enfermería con experiencia en vacinación ofrecéronse voluntariamente para formar parte destes equipos, sendo substituídos nos seus centros de orixe para que se puidese continuar coa súa actividade.

 

A deputada do PPdeG destacou tamén que Galicia é a Comunidade que máis probas de diagnóstico realiza, case o dobre que a media nacional. De feito, xunto con Castela e León somos das rexións europeas que máis test realizaron, tal e como indica o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades.

Comparte: