Tellado: “O BNG permite que se decida desde o Paseo da Castellana o futuro das industrias costeiras de Galicia”

12
Mar

Tellado: “O BNG permite que se decida desde o Paseo da Castellana o futuro das industrias costeiras de Galicia”

Critica que os nacionalistas consideren “terribles” as reivindicacións dos traballadores de ENCE mentres aplauden as manifestacións violentas nas rúas en favor dun delincuente condenado 

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou que o BNG permita que se decida desde o Paseo da Castellana o futuro das industrias costeiras de Galicia. Así se amosaba crítico coa actitude do Bloque logo de que o Grupo Plural, ao que pertencen os nacionalistas, votase a favor do artigo 18 da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética na Comisión de Medio Ambiente do Congreso, o máis lesivo coa industria costeira galega.

 

O número dous dos populares galegos resaltou que esta actitude evidencia, “ou a hipocrisía e as mentiras do BNG, que por un lado asegura defender ás empresas e despois vota a favor do seu desmantelamento; ou súa nula capacidade de influencia en Madrid, completamente sometido, non só a Sánchez, senón tamén a Teruel Existe e Iñigo Errejón”.

 

Como subliñou, a proposta lexislativa do Goberno do PSOE esconde, disfrazada de ecoloxismo, un ataque sen paliativos á industria costeira do noso país. De feito, os colectivos de empresarios denuncian una posible perda, en peches e desinversións, de máis de 10.000 millóns de euros en Galicia,  e os representantes dos traballadores advirten que poden perderse milleiros de empregos. “Estamos a falar dun impacto terrible na nosa economía, que podería chegar ao 3% do PIB de Galicia”, engadiu.

 

 

A DOBRE VARA DE MEDIR DO BNG

Ante este escenario, Tellado afirmou que o PPdeG non se dará por vencido e anunciou que volverán presentar unha emenda transaccional ao artigo 18 da Lei de Cambio Climático na  Comisión de Medio Ambiente. “O BNG ten unha nova oportunidade para corrixir os seus erros pero non cremos que a vaia aproveitar para defender aos galegos”, destacou sinalando que esta Lei encaixa perigosamente co discurso anti-ENCE que o Bloque leva defendendo durante moitos anos.

 

O secretario xeral amosouse sorprendido ante a dobre vara de medir dos nacionalistas, que hai unha semana aplaudían manifestacións violentas nas rúas en favor dun delincuente condenado e hoxe parécenlles terribles as reivindicacións dos empregados de ENCE aos que lles están quitando o seu dereito a traballar. Sobre isto, fixo fincapé na insensibilidade de Ana Pontón, “que vai camiño de 20 anos pisando a moqueta do Parlamento”, e a do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, “que agarda a xubilación sentado na cadeira do seu despacho”.

 

Nese senso, quixo aclarar que os populares condenan todo tipo de violencia “vaia en contra de quen vaia” pero que non consentirán criminalizar as reivindicacións xustas dos traballadores de ENCE por uns feitos aillados que non representan á maioría dos empregados, que só queren manter os seus postos.

 

A TRANSICIÓN ECOLÓXICA RADICAL DE SÁNCHEZ

“É fundamental apostar por una industria sustentable e por un modelo económico máis verde pero Sánchez non pode impoñer una transición ecolóxica radical, que nin é ecolóxica nin é transición, e está desmantelando o noso tecido empresarial e produtivo”, salientou Tellado admitindo que isto é una chamada directa á deslocalización das empresas e á desinversión en Galicia.

 

Así mesmo, manifestou que, cando os últimos datos do desemprego son demoledores, non parece o momento de xogar co emprego das persoas para que o presidente do Goberno poida poñerse a medalla de ecoloxista, xa que a Lei de Cambio Climático “representa un ecoloxismo falso e mal entendido, que non garante nin un modelo máis sustentable nin un futuro para as empresas e traballadores galegos”. “O legado dunha soa lexislatura de Sánchez vai a ser un páramo industrial en Galicia do que tardaremos décadas en recuperarnos”, sentenciou.

Comparte: