O Parlamento galego demanda apoio para a introdución do deseño nas estratexias empresariais

08
Abr

O Parlamento galego demanda apoio para a introdución do deseño nas estratexias empresariais

Santiago, 7 de abril de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar novas iniciativas e instrumentos de apoio económico ás pequenas e medianas empresas para introducir o deseño nas estratexias empresariais, que permitan favorecer a recuperación da crise a través da utilización de ferramentas e metodoloxías de pensamento creativo que propicie a xeración de novo valor en produtos, servizos e modelos de negocio máis sostibles e máis dixitais.

A deputada popular Sandra Vázquez sinalou que “a actual crise xerada pola Covid-19 provocou importantes cambios no comportamento dos clientes e consumidores, ós que se da resposta mediante soluciones tecnolóxicas e de novos modelos de negocio, maioritariamente dixitais”. “Imaxinar o futuro converteuse, máis ca nunca, en tendencia, e ademais resulta imprescindible deseñar con responsabilidade”, apuntou.

 

PARALELO AO DESENVOLVEMENTO INDUSTRIAL

 

“Estamos convencidos do potencial do deseño como motor de cambio e transformación, entendendo o deseño non unicamente como a inclusión de aspectos estéticos na concepción dun desenvolvemento, senón como un conxunto de ferramentas, como unha disciplina, orientada a abordar e superar a complexidade, a ambigüidade e as tensións propias de calquera proceso creativo”, concretou.

 

Sandra Vázquez manifestou que “a incorporación do deseño nas pequenas e medianas empresas é un elemento cuxa xestión se traducirá nun incremento do valor do activo das empresas”. Ademais, considerou “indubidable que o avance do deseño transcorre paralelo ao desenvolvemento da industria e da economía dun lugar”, lembrando casos concretos no ámbito da industria conserveira e outros máis específicos como as empresas Sargadelos, Mondariz ou Adolfo Domínguez.

 

“O reto é que sexan moitos máis, consolidando un ecosistema galego de deseño e innovación para a difusión da importancia desta disciplina en todos os sectores industriais e empresariais galegos, da man dos seus axentes protagonistas”, dixo a deputada popular. Neste sentido, engadiu que “deste xeito complementarase a innovación tecnolóxica e reforzarase a competitividade mediante a innovación non tecnolóxica que impulsa o deseño, xa que proporciona metodoloxías e ferramentas que poden ser utilizadas en diferentes fases do proceso de innovación para incrementar o valor de novos sistemas de produtos e servizos”.

Comparte: