O Parlamento galego demanda que a Xunta garanta nesta lexislatura o diagnóstico precoz de pacientes con fibrose pulmonar idiopática

08
Abr

O Parlamento galego demanda que a Xunta garanta nesta lexislatura o diagnóstico precoz de pacientes con fibrose pulmonar idiopática

Santiago, 8 de abril de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta que, ao longo da presente lexislatura, garanta o diagnóstico precoz de pacientes con fibrose pulmonar idiopática e se incentive a investigación sobre esta patoloxía e o desenvolvemento de novos tratamentos.

“Canto antes sexamos capaces de detectar unha enfermidade, antes atallaremos os síntomas, e iso conleva que as secuelas sexan menores, os tratamentos máis eficaces e a calidade de vida que teña o doente sexa moito mellor”, sinalou a portavoz de Sanidade, Encarna Amigo.

 

Na súa intervención, Encarna Amigo explicou que a fibrose pulmonar idiopática é unha enfermidade que afecta ao pulmón e está considerada como enfermidade rara, crónica e progresiva. “É unha das denominadas enfermidades pulmonares instersticiais, que se caracteriza por unha inflamación e un endurecemento progresivo do tecido pulmonar, que se traduce nun deterioro progresivo da función respiratoria”, engadiu.

 

DIAGNÓSTICO PRECOZ, FUNDAMENTAL

 

“O diagnóstico precoz é fundamental, porque a súa sintomatoloxía moi inespecífica, como a tos, a fatiga, a disnea ou a dor torácica, fai que poida confundirse con outras patoloxías e que, por tanto, a súa detección se atrase no tempo”, manifestou.

 

A portavoz popular sinalou que “os especialistas que tratan esta patoloxía teñen claro e insisten na necesidade de dar a coñecer o impacto da fibrosis pulmonar para que, desde atención primaria e ata os propios pacientes, se favoreza e se faga posible o diagnóstico precoz”. Deste xeito, demandou que a Xunta impulse plans de formación en atención primaria sobre enfermidades pulmonares instersticiais, así como protocolos para a derivación rápida dos pacientes con sospeita de ter esta enfermidade desde atención primaria aos correspondentes servizos de neumoloxía e unidades de enfermidades pulmonares intersticiais hospitalarias.

 

A fibrose pulmonar idiopática afecta a entre 7.500 e 8.000 persoas en España, pero recentemente espertou o interese científico ao ser asociada como unha potencial secuela en pacientes que cursan Covid-19 con afectación pulmonar.

 

Neste sentido, Encarna Amigo apuntou que “existe evidencia científica que indica que a Covid-19 pode estar actuando como acelerador da progresión fibrótica naqueles pacientes que presentaban un problema pulmonar de base”.

Comparte: