O Parlamento galego insta á Xunta á apertura dun centro residencial para menores con problemas de conduta

24
Nov

O Parlamento galego insta á Xunta á apertura dun centro residencial para menores con problemas de conduta

Santiago, 24 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que adopte as medidas necesarias para a apertura dun centro residencial que cubra as necesidades de atención que requiren os menores en situacións de dificultade social e con problemas de conduta.

O portavoz popular de Asuntos Sociais, Alberto Pazos, apuntou que a idea é impulsalo no municipio pontevedrés de Pontecaldelas, pero lamentou que “nos estamos atopando con certa resistencia por parte do Concello, que, en aras da confrontación partidista, está alimentando unha polémica artificial utilizando expresións moi pouco respectuosas para os potenciais usuarios deste centro”.

 

Alberto Pazos subliñou que “queremos impulsar o primeiro centro de protección de Galicia especializado na atención de rapaces con trastornos de saúde mental, un servizo que na actualidade só dispoñen cidades como Madrid e Barcelona e que debería ser un motivo de orgullo non só para Pontecaldelas, senón para a provincia de Pontevedra e Galicia enteira”.

 

 

RECUPERACIÓN DE ESPAZO HISTÓRICO

 

“Ímolo facer aproveitando un espazo público de valor histórico como é a Casa de Quintán, cedido pola Fundación Sálvora, que, polas súas características, é ideal para que se converta no que debe ser: un fogar no que os menores reciban atención e coidados en condicións equiparables a un entorno familiar”, engadiu.

 

Ademais, Pazos afirmou que este novo centro especializado xerará máis de 20 empregos cualificados directos, entre educadores sociais, traballadores sociais, médicos e enfermeiros; ademais de supoñer un impulso da actividade no concello de Pontecaldelas a nivel educativo ou comercial.

 

O novo centro especializado botará a andar en coordinación co Servizo Galego de Saúde e enmárcase no Plan de Saúde Mental que está a impulsar a Xunta. “Non é nin un centro sanitario nin hospitalario, pero si vai proporcionar unha resposta axeitada para 12 rapaces con necesidades específicas”, dixo o portavoz popular.

 

IRRESPONSABILIDADE DO CONCELLO

 

Porén, Alberto Pazos lamentou a “certa resistencia” que está a poñer o Concello de Pontecaldelas e manifestou que “estigmatizar a menores que sofren trastornos de saúde mental é unha irresponsabilidade política”. “Esperamos que o alcalde rectifique a súa actitude e non incorra en erros do pasado, que o levaron a converterse no único responsable municipal galego que pechou un centro de información á muller”, sinalou.

 

O portavoz popular cualificou de “irresponsable” a insistencia do Concello de instalar un centro de día na Casa de Quintán, “un inmoble que non compre as características mínimas pola súa imposibilidade arquitectónica, xa que carece de espazos comúns amplos, de accesos diferenciados e de condicións de accesibilidade”.

 

Comparte: