A cesión de impostos como o IRPF ás comunidades sería prexudicial para Galicia porque deixaría ao Estado sen marxe para políticas de redistribución

13
Xan

A cesión de impostos como o IRPF ás comunidades sería prexudicial para Galicia porque deixaría ao Estado sen marxe para políticas de redistribución

Santiago, 13 de xaneiro de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou que os dous expertos que compareceron hoxe na Comisión de estudo sobre o novo modelo de financiamento volveron rexeitar a proposta de financiamento presentada polo Goberno central en relación a poboación axustada.

“Así mesmo, tomamos nota do apuntado polo profesor Diego Martínez de que a cesión de impostos como o IRPF ás comunidades sería prexudicial para Galicia xa que deixaría ao Estado sen marxe algunha para desenvolver políticas de redistribución entre as persoas e os territorios, en cuestións como a Seguridade Social ou as pensións”, apuntou.

 

Pedro Puy lembrou que, do mesmo xeito que se pronunciaron no día de onte Xosé Díaz e Santiago Lago, tanto Bernardo Valdés como Diego Martínez manifestaron a necesidade de que a proposta de financiamento do Goberno central sobre poboación axustada debe retocarse para que algunhas comunidades, como Galicia, non se vexan especialmente prexudicadas.

 

CUPO PREXUDICIAL

 

Así mesmo, o profesor de Economía da Universidade Pablo Olavide de Sevilla e ex-secretario xeral de Financiamento Autonómico e Local do Ministerio de Facenda, Diego Martínez, incidiu en que o sistema de cupo foral para todas as comunidades autonomías sería prexudicial tanto para Galicia como para o Estado, xa que a Comunidade galega estase a beneficiar dos mecanismos de nivelación fiscal como das políticas de redistribución.

 

Por último, Puy subliñou que Diego Martínez, ademais de opoñerse á cesión do imposto de sociedades por cuestións técnicas e financeiras, defendeu que as cesións da totalidade da recadación fiscal no IRPF ás comunidades autónomas “non beneficiaría a Galicia, xa que, ademais de ter que asumir competencias de gasto que agora non ten, quedaríase sen as aportacións compensatorias do Estado para garantir uns servizos públicos equitativos en todas as comunidades”.

Comparte: