Pedro Puy avanza a comparecencia do conselleiro de Sanidade no primeiro Pleno do novo período de sesións para informar da Covid-19

13
Xan

Pedro Puy avanza a comparecencia do conselleiro de Sanidade no primeiro Pleno do novo período de sesións para informar da Covid-19

Santiago, 13 de xaneiro de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que o conselleiro de Sanidade comparecerá no primeiro pleno ordinario do período de sesións para informar sobre a evolución da pandemia da Covid-19 e o seu impacto na atención primaria, “seguindo coa súa liña de transparencia respecto das actuacións que se levan a cabo nesta pandemia sanitaria”.

Pedro Puy lembrou que “esta onda explosiva da nova variante da Covid-19 está a afectar máis directamente á atención primaria, onde se fai o seguimento das persoas positivas”.

 

MEDIDAS TOMADAS

 

“Diante desta situación de pandemia, desde a Xunta tomáronse moitas medidas para limitar a carga de traballo na atención primaria, como a posta en marcha do covid-auto e a central de seguimento de contactos, os acordos coas farmacias para a realización de test, a habilitación automática do acceso á Chave 365 e É-Saúde, a aposta pola vacinación en grandes recintos con persoal específico ou as modificacións no protocolo de vixilancia e control dos casos”. Así mesmo, lembrou que a Xunta dispón de 32 espazos en toda Galicia para que a cidadanía poida realizar probas diagnósticas de xeito gratuíto, ás que se suman as habilitadas nos aeroportos e os cribados itinerantes nas áreas sanitarias de Ourense e Vigo.

O portavoz popular engadiu que “todas esta medidas sumáronse ás xa tomadas con anterioridade coa implantación do Plan galego de atención primaria, a través das que se mellorou a xestión da demanda asistencial e a redistribución das tarefas que permitan unha diminución da carga de traballo administrativa dos médicos de atención primaria”.

 

Froito destas accións levadas a cabo desde o Goberno galego, Puy destacou que Galicia sexa neste momento, segundo os últimos datos facilitados polo Ministerio de Sanidade, a comunidade autónoma con menor taxa de ocupación hospitalaria de pacientes Covid-19 por 100.000 habitantes (17,25%), a menor porcentaxe de camas ocupadas por enfermos con Covid-19 (5,55%), a menor taxa de ocupación de UCI por enfermos con Covid-19 (1,92%) e cunha menor positividade.

 

INCREMENTO DO GASTO EN PERSOAL DE PRIMARIA

 

Pedro Puy volveu desmentir as afirmacións dos grupos da oposición sobre o gasto destinado a atención primeira, explicando que a partida destinada a persoal pasou de 442 a 541 millóns entre os anos 2009 e 2022. “O único que descendeu foi o gasto farmacéutico, grazas ao paso dado no seu momento polo Goberno galego para a adquisición de medicamentos xenérico que tanto foi criticado por BNG e PSdeG”, dixo.

 

Respecto á limitación de atención a casos Covid-19 e urxencias en 14 centros de saúde de Vigo, o portavoz popular lembrou que esta medida “adoptouse só por un tempo de tres días e co apoio e solicitude dos profesionais para atender o estritamente necesario ante as numerosas ausencias provocadas por baixas de longa duración e as vacacións do Nadal”.

Comparte: