Feijóo defende que a mellor homenaxe a Fraga é continuar co seu legado de construír un PP maioritario en Galicia e en España

15
Xan

Feijóo defende que a mellor homenaxe a Fraga é continuar co seu legado de construír un PP maioritario en Galicia e en España

Apunta que o seu partido seguirá apostando por unha Comunidade española e europea, aberta, sen complexos e moderna

O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou nun acto conmemorativo polo décimo aniversario do falecemento de Manuel Fraga que a mellor homenaxe que se lle pode facer é continuar co seu legado de construír un PP maioritario en Galicia e en España.

 

Despois da ofrenda floral celebrada en Vilalba, indicou que, nun momento no que hai partidos que queren dividir, o PP ten que continuar sendo a casa común na que un amplo espectro de persoas e de sensibilidades se sintan integradas e representadas, xa que só unidos poden ser unha alternativa aos executivos socialistas, populistas e independentistas que gobernan a Administración Xeral do Estado e algunhas Comunidades Autónomas.

 

Nese senso, sinalou que, ante os ataques constantes e continuados que sofren a Constitución e as nosas institucións -incluso por parte dos membros do Goberno e dos seus socios-, o Partido Popular debe seguir manténdose como unha garantía de reformismo tranquilo que traballa para mellorar, continuar estando á altura do pobo ao que representa e demostrando que o desprestixio institucional tamén supón o desprestixio dun país.

 

Así mesmo, fronte aos partidos que queren importar á nosa Autonomía derivas independentistas, manifestou que o PP vai continuar defendendo a Galicia española e europea, avanzando por unha Comunidade aberta e sen complexos, crendo nunha terra moderna e ensanchando as súas bases. “Imos seguir apostando por Galicia”, engadiu.

 

FUNDADOR DO PARTIDO E PAI DA CONSTITUCIÓN

Durante a súa intervención, Feijóo destacou a importancia de Fraga na nosa historia política, unha “figura fundamental” da que resaltou a súa extraordinaria capacidade de traballo e determinación. Sobre isto, lembrou que o político vilalbés é o fundador do gran partido de centrodereita en España -chegando a conseguiu ser un gran punto de encontro para conformar a anhelada “maioría natural”- e que é un dos pais da Constitución que trouxo ao país liberdade, benestar e igualdade.

 

Tras salientar que Fraga é o líder que durante máis tempo presidiu a Xunta, puxo en valor que baixo o seu mandato se desenvolveron todas as institucións estatutarias, Galicia gañou prestixio nacional e internacional, acuñouse o termo bilingüismo cordial na Lei de Normalización Lingüística e logrou que os galegos do exterior se sentiran máis galegos.

 

O ORGULLO DE SUCEDER A FRAGA

O presidente do PPdeG tamén se referiu á gran responsabilidade e enorme orgullo que supuxo coller o testemuño de Fraga, remarcando que xestionar o seu legado non cabe nun tuit, non permite delegar esa xestión a un consultor e non ten cabida na frivolidade que impera hoxe na política nacional. Igualmente, admitiu que os populares galegos continúan coa mesma vocación do fundador do partido: Galicia por encima de todo.

Comparte: