Rueda salienta que as candidaturas do PPdeG nas eleccións municipais serán un reflexo do compromiso coa xuventude: “Seguiremos contando coa mocidade para facer boa política dende as institucións”

30
Xul

Rueda salienta que as candidaturas do PPdeG nas eleccións municipais serán un reflexo do compromiso coa xuventude: “Seguiremos contando coa mocidade para facer boa política dende as institucións”

O presidente participou na clausura do Día do Afiliado de Novas Xeracións celebrado en Cenlle

O presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, avanzou que as candidaturas do PP nas vindeiras eleccións municipais serán un reflexo do compromiso do seu partido coa xuventude: “Seguiremos contando coa mocidade para intentar facer boa política dende as institucións que gobernamos. Os que teñan ganas, forzas e se queiran arriscar terán todos un sitio nas nosas candidaturas”.

 

Durante a súa intervención na clausura do Día do Afiliado de Novas Xeracións, que tivo lugar en Cenlle e no que estivo acompañado polo presidente de Novas Xeracións, Adrián Pardo, e polo presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar; resaltou que conta con toda a forza da organización xuvenil dos populares galegos, á que definiu como “a máis importante e comprometida de Galicia”,  para facer fronte ao importante reto que supoñen os vindeiros comicios municipais.

 

Nese senso, fixo fincapé na importancia de combinar experiencia e xuventude, poñendo como exemplo ao partido na cidade de Ourense, que recupera o talento dun “gran alcalde” como Manuel Cabezas no momento máis preciso e incorpora tamén novos rostros á súa candidatura.

  

O PARTIDO DA GALICIA MOZA

Tras reivindicar a liberdade e subliñar que a educación, o medio ambiente, a cultura ou a mocidade non son patrimonio de ningún partido —como pretenden facer crer os nacionalistas e os socialistas—, lembrou que os populares sempre están ao carón da xente moza.

 

Mostra disto, son as políticas aplicadas dende a Xunta nos últimos 13 anos, pois o PP é o partido que leva 12 anos conxelando as taxas universitarias ata ter a universidade máis accesible de España, o que potencia a FP, o que fixo posible contar co bus interurbano gratuíto ata os 21 anos, o da extensión do Carné Xove, o das axudas ao carné de conducir, o da maior oferta de prazas de campamentos de verán e o que vai implantar por primeira vez a educación infantil gratuíta e o calendario de vacinación infantil máis completo.

 

CERTEZAS PARA GALICIA

No acto, que contou tamén coa asistencia de José González, coa participación do presidente de Novas Xeracións da provincia de Ourense, Nacho Campo, e de Cristina Pichel, e que incluíu a celebración da mesa redonda "Xuventude extraordinaria" —moderada por Lara Meneses e na que interviñeron  Andrea Lama, Santiago Amedo, Luis Vila e Borja Fontán—; o líder dos populares galegos tamén se referiu á xuntanza que mantivo esta semana con Pedro Sánchez.

 

Como indicou, acudiu a esta cita acudiu co propósito de aclarar a incerteza sobre o futuro da Comunidade, unha reunión na que se que se expuxo a necesidade de conseguir fondos europeos que permitan a Stellantis Vigo optar a novos modelos eléctricos e a Altri instalarse en Palas de Rei, de convocar 4.000 prazas MIR para garantir a cobertura de persoal na atención primaria, de traspasar as competencias do noso litoral a Galicia e de recibir información oficial sobre a chegada dos trens Avril.

 

Segundo recoñeceu, os populares traballarán para que todos estes compromisos se convertan en certezas, un obxectivo ante o que todo o partido permanecerá “vixiante”.

 

Comparte: