Paula Prado: “Galicia mostrarase na Interparlamentaria Popular como a Comunidade que está ao carón das familias”

16
Set

Paula Prado: “Galicia mostrarase na Interparlamentaria Popular como a Comunidade que está ao carón das familias”

Os populares galegos estarán representados esta fin de semana en Toledo por unha delegación de máis de medio cento de persoas encabezada polo presidente Alfonso Rueda, que exporá o proxecto “estable, unido, próximo e solvente” da Comunidade

16, setembro, 2022. A secretaria xeral do PPdeG asegurou que Galicia se mostrará como a Comunidade que está “ao carón das familias” na Interparlamentaria Popular que se celebrará esta fin de semana en Toledo. Así o expresou durante a súa comparecencia en rolda de prensa na que estivo acompañada polo deputado autonómico Moisés Rodríguez, que é o novo enlace do Grupo Popular no Parlamento co resto de Cámaras de representación.

 

Como sinalou, o PP está á altura do que lle piden os cidadáns e así o amosan as políticas que esta fin de semana porán en común os populares. No caso da nosa Comunidade, o partido estará representado por unha delegación de máis de medio cento de persoas —entre deputados nacionais, senadores, deputados autonómicos e outros cargos da formación—  e estará encabezada polo presidente Alfonso Rueda, que mañá exporá o “proxecto estable, unido, próximo e solvente de Galicia”.

 

Durante a tarde do sábado, o líder do PPdeG presidirá unha mesa redonda sobre os servizos públicos, “unha materia na que a nosa Comunidade leva a dianteira”. Nese senso, Prado incidiu en que a súa formación é a das familias, tal e como se certificou de novo esta semana con novas medidas como a orde con 34,8 millóns de euros para crear ata 3.400 novas prazas en escolas infantís en colaboración cos concellos e os Bonos Activa Comercio, que mobilizarán 17 millóns de euros para impulsar as compras nos establecementos de proximidade, con descontos de ata 30 euros.

A secretaria xeral engadiu que este compromiso xa se demostrara con medidas como a educación infantil gratuíta, as taxas universitarias máis baixas de España, o desconto do 50% no transporte público, o calendario vacinal máis completo ou o aforro de 107 millóns de euros ás familias fronte á inflación no inicio do curso escolar.

 

Tras engadir que o deputado Jaime de Olano tamén intervirá na mañá do sábado nunha mesa sobre os retos económicos e que, xa o domingo, o vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, e o presidente de Novas Xeracións, Adrián Pardo, falarán sobre a política da España que vén; Prado manifestou que os populares galegos agardan “servir de exemplo para o resto de autonomías, á vez que escoitamos as súas iniciativas”. “Estamos seguros de que será un fin de semana proveitoso e que Galicia mostrará que está á altura”, subliñou.

 

FORMOSO, UN “MAL GALEGO”

Por outra banda, referiuse á actitude do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, “ao que xa lle deberon dar o carné de bo europeo”, pero que é, á vez, “un mal galego que viaxa a Estrasburgo única e exclusivamente para falar mal de Galicia”.

 

“Hoxe xa vemos o resultado: reúnese co Comisario de Pesca para tratar o veto á pesca de fondo e, ao día seguinte, Europa confirma o veto á pesca de fondo galega”, lamentou mentres precisaba que a Xunta si está traballando xa para reverter esta situación: “O que nos queda claro que todo o que toca o Partido Socialista de Galicia, sexa aquí, en Madrid ou en Estrasburgo, nunca acaba ben”.

 

O “MEDO” DO GOBERNO DE SÁNCHEZ

Igualmente, a número dous do PPdeG referiuse á falta de rumbo do Executivo central e do PSOE, resaltando que “o Goberno de Sánchez e o Partido Socialista teñen moito medo”.

 

Máis polo miúdo, explicou que o PSOE teme ao proxecto de Alberto Núñez Feijóo, polo que envía a un “ministro de garda do insulto” a Galicia por semana cando “antes non existiamos no seu mapa”; e a unha nova debacle electoral, mentres Valentín González Formoso marcha de viaxe por Europa para criticar a Alfonso Rueda e á nosa Comunidade. Así mesmo, criticou que o Executivo central transmita esa sensación aos cidadáns por culpa dunha “política de veleta”, algo que definiu como “o peor que pode ocorrer”.

 

Sobre isto, tamén recordou o medo que os socialistas tiveron durante a pandemia, “pero que nunca transformaron en interlocución coas Comunidades Autónomas”; ao que senten pola situación económica actual, “que canalizaron facéndoa aínda máis grave”; e a non saber que facer cos fondos europeos, “que significa que sexamos o Estado que menos executa de Europa”.

 

“Pídolle a Sánchez e ao Goberno do Partido Socialista que, se senten medo, escoiten dunha vez as propostas e os consellos dos que xa xestionaron situacións complicadas”, remarcou.

 

Pola súa parte, Moisés Rodríguez puxo en valor o “traballo extraordinario” dos dez deputados e trece senadores do PPdeG nas Cortes Xerais. “Ante os ataques do Goberno central, temos que defender a nosa Comunidade con propostas fronte aos derrubamentos e con proxectos fronte aos insultos”, sentenciou.

Comparte: