Pedro Puy lamenta que o Goberno de España busque a confrontación con Galicia cuestionando as competencias recollidas no Estatuto

23
Xan

Pedro Puy lamenta que o Goberno de España busque a confrontación con Galicia cuestionando as competencias recollidas no Estatuto


23 de xaneiro de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, lamentou hoxe que sexa o Goberno de España o que busca a confrontación coa Xunta, a raíz de que o Tribunal Supremo non admitira a trámite a intención do Goberno central de atacar as competencias da Comunidade galega en materia de marisqueo. “Se algo caracteriza a actuación da Xunta é o interese máximo por defender as competencias de Galicia dentro do marco da Constitución e do Estatuto de Autonomía”, sinalou.

Pedro Puy incidiu que “non é a Xunta a que está a confrontar cun Goberno central que ten recorrido a Lei de saúde, o catálogo de fármacos para fomentar o uso de xenéricos e, máis recentemente, as normas de explotación marisqueira “. Neste sentido, apuntou que “agora está sobreactuando en relación co proxecto de Lei do litoral, que está en tramitación e respecta absolutamente o bloque de constitucionalidade”.

 

A decisión do Tribunal Supremo respecto das competencias en materia de marisqueo “traslada tranquilidade ao sector sobre o seu futuro e se recoñece, unha vez máis, que Galicia está a actuar no ámbito das súas competencias e con lealdade á Constitución e ao Estatuto de Autonomía”, manifestou.

 

UN “CAPRICHO” PARA BNG E PSdeG

 

Puy demandou que BNG e PSdeG “deberían recoñecer o seu erro por non apoiar á Xunta no seu momento” neste conflito co Estado, “chegando a falar de capricho a decisión do Goberno galego de non remitir a documentación requirida polo Goberno central”. “Sería bo que reflexionaran nacionalistas e socialistas, que non apoian á Xunta cando defende as súas competencias e incluso cando o fai, en vez de recriminar a quen ataca o exercicio das súas competencias pola Xunta, critican a esta porque supostamente está confrontando co Goberno de España”, apuntou.

 

O portavoz popular relacionou esta situación “co que está a pasar co proxecto de Lei do litoral de Galicia”, onde “estamos a escoitar declaracións pintorescas sobre que isto supón unha declaración de independencia”. Así, incidiu que tanto o Consello Consultivo de Galicia, como o Observatorio do Litoral e os expertos que participaron na elaboración deste proxecto normativo explican que o Estatuto de Autonomía recolle que a Xunta ten competencia sobre o seu litoral, polo que non é necesario proceder á reforma desta norma básica.

 

COMPARECENCIA SANIDADE, AVRIL E REBAIXA IVE

 

Respecto da sesión plenaria que se celebra esta semana, Pedro Puy salientou a comparecencia do conselleiro de Sanidade, a petición propia, para dar conta dos programas de prevención de saúde pública, como cribados ou campañas de vacinación. Así mesmo, ofrecerá información sobre os resultados dos programas de prevención do cancro de mama, colon ou cérvix, así como das novas iniciativas previstas para o futuro máis próximo.

 

Así mesmo, o Grupo Popular defenderá dúas proposicións de lei “de actualidade e de importancia para Galicia”, dixo Puy. A primeira delas ten como obxectivo que o Goberno central concrete o cronograma para a chegada da alta velocidade ao conxunto das cidades galegas e garanta os tempos de viaxe do AVE comprometidos, dotando inmediatamente a rede ferroviaria da Comunidade dos trens AVRIL.

 

En segundo lugar, o Grupo Popular pedirá ao Goberno de España que estenda á carne, ao pescado e ás conservas a rebaixa do IVE aprobada para os alimentos básicos, co fin de estimular a demanda interna e mellorar as perspectivas de crecemento destes sectores tan importantes na economía galega. Puy lembrou que o Partido Popular ten proposto durante a tramitación no Congreso a inclusión destes produtos na rebaixa do IVE e lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “non estea disposto a falar desta cuestión, a pesar de que xa ten garantida a abstención do PP ao decreto”.

 

O portavoz popular considerou “unha paradoxa o feito de que moitas comunidades gobernadas polo PSOE ou Galicia incorporen nos seus orzamentos medidas que permitan deflactar o IRPF ás rendas baixas, pero o Goberno central non ten feito nada no tramo estatal”. “En Madrid nin tan sequera se plantexa esta medida para favorecer a capacidade do consumo das rendas medias e baixas”, sinalou.

Comparte: