
O presidente avanza que a Xunta presentará proximamente un plan de adelgazamento da Administración paralela para seguir avanzando na redución de custos públicos
Feijóo anuncia que o Plan Estratéxico de Economía 2010-2014 xerará investimentos por valor de 46.000 millóns e conterá máis de cen medidas
- Feijóo insistiu no seu “compromiso” de cumprir os “catorce obxectivos irrenunciables” do contrato co que se presentou ás eleccións, e compromete a súa “máxima dedicación” para acadalos
- Feijóo destacou que nos Gobernos non se está para permanecer senón para traballar, e asegurou que non teme o desgaste persoal por tomar decisións pero si que o país se desgaste porque o presidente non afronte os problemas de Galicia
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2010.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Plan Estratéxico de Economía 2010-2014 que presentará proximamente a Xunta de Galicia xerará investimentos por valor de 46.000 millóns de euros e conterá máis de 100 medidas atendendo a 400 indicadores económicos.
O titular da Xunta, que lamentou que o Goberno central non queira que a Galicia lle vaia ben e que o demostra con sistemas de financiamento autonómico inxustos e insolidarios ou co desprezo ao Xacobeo, asegurou que o PPdeG si quere que Galicia salga da crise.
Por iso, apostou por seguir traballando para combater a herdanza que deixou o bipartito, “a peor que pode recibir un Goberno”, e comprometeu medidas que sigan profundando na austeridade pública que os cidadáns queren e os cidadáns demandan. Así, anunciou que proximamente presentará un plan para reducir a administración paralela da Xunta de Galicia, de forma que se poidan recortar os gastos que soportan os cidadáns cos seus impostos.
Feijóo fixo balance da súa xestión á fronte da Xunta ante a Xunta Directiva do PPdeG, á que agradeceu o traballo realizado para devolver ao partido o Goberno galego. O presidente estruturou a súa intervención en torno ao contrato que asinou con Galicia o 11 de febreiro de 2009, entón como candidato á Presidencia da Xunta. Alberto Núñez Feijóo asegurou que a vixencia daquel compromiso segue intacta e dixo sentirse orgulloso de iniciar o cumprimento do mesmo de xeito global, sen esquecer ningún deses catorce eixos.
Emprego
Tras asegurar que a nosa taxa de paro é 5,4 puntos inferior á media estatal, Feijóo asegurou que Galicia está máis preto que hai un ano de deixar de xerar parados. Destacou o Plan de Emprego, dotado de 1.200 millóns, e o Plan de Acción Social, que xerará 10.000 postos de traballo no ámbito dos servizos sociais.
Estratexia económica
Ademais do Plan Estratéxico de Economía, Feijóo destacou o Plan de Choque, que incluía 40 medidas e 1.200 millóns mobilizados, ou os programas de axuda á automoción, ao sector lácteo, ao pesqueiro, ao turístico ou ao naval. Ademais, fixo referencia á necesidade de que Galicia siga tendo caixas e lamentou que unha parte do PSOE non teña a mesma intención.
Austeridade
Destacou que os políticos cobran agora menos que o ano pasado, e destacou que se reduciu nun 26% o número de asesores da Xunta, nun 25% o número de consellerías e nun 3% o dos altos cargos. Tamén valorou a racionalización dos gastos do parque móbil da Xunta.
Menos Impostos
Destacou a rebaixa nas taxas universitarias, os recortes no IPT e o imposto sobre AJD, e as reducións nas peaxes de titularidade autonómica.
Sanidade con garantías
Destacou o recorte nas listas de espera prestando especial atención ao caso da atención aos pacientes graves, onde a redución é case do 50% nun ano, até quedar nos 21 días. Encomiou a xestión eficiente do sector e o impulso ás novas infraestruturas hospitalarias de Vigo, Lugo e Pontevedra.
Lei de dependencia efectiva
Feijóo destacou que a Xunta atendeu a un 72% máis de dependentes que o Goberno anterior en só un ano, pasando de 14.000 a 24.000 persoas atendidas. Ademais, lembrou que a Xunta xa paga os atrasos que debe.
Opcións de conciliación
Destacou que a Xunta creou 2.500 prazas de comedores escolares e 4.500 prazas de gardaría para facilitar aos pais o seu labor educativo.
Xuventude en primeiro plano
Cunha taxa de paro xuvenil que se duplicou na etapa do bipartito, a Xunta impulsará un Plan Estratéxico de Xuventude. Ademais, apostou por alcanzar un gran pacto polo rexuvenecemento demográfico de Galicia.
Equilibrio Territorial
Destacou a necesidade de lograr a igualdade de oportunidades entre territorios, e asegurou que o Plan Move de Infraestruturas, con 4.200 millóns comprometidos para que o 80% dos galegos estean a 10 minutos ou menos dunha vía de altas prestacións, será determinante. Tamén fixo referencia ao Pacto do Obradoiro pola chegada do AVE a Galicia e aos plans Impulsa Lugo, Impulsa Ourense e Ferrol.
Medio Ambiente
O presidente destacou o Proxecto de Lei de Augas, o Plan de Xestión de Residuos Urbanos ou o Plan de Infraestruturas Hidráulicas. Ademais, fixo mención especial á Lei do Solo e ao Plan do Litoral, que protexe o territorio de modo intelixente.
Innovación
Valorou os plans para a innovación e o fomento da mesma nas pemes ou a posta en marcha da Axencia Galega de Innovación.
Reforma da Administración
Feijóo asegurou que a Xunta se modernizou, adelgazou, paga mellor aos seus provedores e aplícase unha austeridade que non posúe o Goberno de España, que crea vicepresidencias mentres a Xunta recorta as súas consellerías.
Identidade e liberdade
Galicia é libre e bilingüe, e por iso apostou por seguir trasladando a cordialidade lingüística da rúa ás aulas. Destacou a súa aposta pola liberdade nas escolas, para que os alumnos falen no idioma que queiran, ou nas oposicións, para que os alumnos se examinen na lingua que escollan.
Rexeneración democrática
Lembrou que a Xunta que preside é capaz de pactar con todos: concellos, Estado, axentes sociais e oposición, e destacou que nunca o PPdeG se conformou coa maioría absoluta, senón que escoita a todos e trata de acordar con todos. Feijóo destacou que a Xunta atende á rúa e por iso non dubidou en rectificar cuestións como as referidas á supresión das pensións non contributivas, non dubidou en modificar cuestións como as das dietas dos deputados, e non dubidou á hora de dotar de máis garantías as probas de acceso á Administración pública.
Alberto Núñez Feijóo reafirmou como presidente de todos os galegos o seu compromiso e vocación de servizo público revalidando a vixencia do contrato con Galicia que asinara como candidato 430 días atrás na praza do Obradoiro.
En palabras de Feijóo, este documento pasou de representar “un compromiso político, moral e persoal” antes do 1M a converterse na “obriga irrenunciable” que a día de hoxe guía a acción do Goberno galego. De feito, o presidente fixo fincapé en que “todas as decisións da Xunta están dentro deste contrato cos galegos”, algo que deixa ao descoberto que “ante cada crítica tiñamos unha proposta e no Goberno, para cada proposta, temos un feito”.
Feijóo destacou que nos Gobernos non se está para permanecer senón para traballar, e asegurou que non teme o desgaste persoal por tomar decisións pero si que o país se desgaste porque o presidente non afronte os problemas de Galicia.














