O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a incluír a educación afectivo-sexual nos proxectos curriculares dos centros de ensino e establecer un programa específico de formación ao profesorado neste eido, así como incrementar os programas de formación en igualdade e prevención da violencia machista, actualizar o Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero en Galicia.
Na iniciativa aprobada hoxe tamén se pide que a Xunta presente no Parlamento de Galicia, antes de que remate o actual período de sesións ou no primeiro trimestre de 2025, un informe de seguimento da execución do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024; que colabore coa Fegamp na implantación en todos os concellos galegos do Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas nos espazos de lecer nocturno; e se impulsen campañas de sensibilización e información, dirixidas aos diferentes sectores de poboación, co fin de contrarrestar as mensaxes negacionistas e incrementar a concienciación e comprensión pola cidadanía das distintas manifestacións das formas de violencia contra as mulleres.
COMPROMISO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
A deputada popular Noelia Pérez asegurou que “non imos aceptar que se poña en dúbida nin o compromiso do Goberno galego nin do Presidente da Xunta coas mulleres e coa loita contra a violencia de xénero”, aínda que recoñeceu que “as medidas nunca van a ser suficientes mentres sigan existindo vítimas”. “Mentres BNG e PSdeG sigan instalados na política do espectáculo e traendo propostas para xerar titulares e quedar ben de cara a galería, desde o Grupo Popular imos seguir traballando con seriedade para dar respostas que realmente melloren as vidas das persoas”, anotou.
Na súa intervención, subliñou que “a Xunta imparte educación afectivo-sexual en toda a etapa escolar” e indicou que “a loita pola igualdade é unha obriga de carácter transversal que temos como sociedade”. Neste sentido, dixo que “o profesorado ten formación específica nesta materia e existe formación especializada e actualizada no ámbito sanitario, na xustiza ou nas profesións do eido social”.
Respecto dos centros de atención á muller, a deputada popular lembrou que “son recursos habilitados polos concellos, “polo que amplialos é unha decisión municipal e, se así o decide o propio Concello, contará co apoio da Xunta, tanto para mellorar as infraestruturas como para o seu mantemento e persoal”.
Noelia Pérez considerou “imprescindible a creación dun marco lexislativo estatal que permita previr e loitar contra a trata de seres humanos”. “En vez de vir a pedir aquí medidas que xa están en marcha, como o Plan galego contra a trata de seres humanos, e outras que non son competencia do Goberno galego, reclamen ao Goberno de Pedro Sánchez que saque do caixón o Pacto de Estado aprobado no último mandato do Partido Popular e aprobe dunha vez a Lei contra a trata para dar prioridade aos dereitos humanos das vítimas garantíndolles protección, asistencia xurídica e acceso aos recursos para a súa reinserción”, manifestou.
INCREMENTO DE FONDOS
Por outra parte, no debate dunha proposición non de lei do BNG sobre o incremento das prestacións periódicas ás mulleres que sofren violencia de xénero, Noelia Pérez destacou que a Consellería de Igualdade dedicará o vindeiro ano 56 millóns de euros para reforzar as políticas de igualdade e manter e ampliar recursos, servizos e prestacións. “Defendemos que o Goberno galego, que é quen mellor coñece a realidade e as necesidades das vítimas e pode tomar decisións fundamentadas, ten que ter a capacidade para decidir como implementar e onde implementar eses incrementos para garantir que as axudas sexan eficientes e co maior impacto posible”, engadiu.
“Os nacionalistas galegos veñen aquí a pedir un incremento do IPC das axudas periódicas cando acaban de solicitar un recorte de crédito de 46 millóns de euros na renda de inserción social de Galicia, que nestes momentos tamén está a beneficiar a moitas desas mulleres, porque nesta comunidade autónoma ambas prestacións son compatibles”, dixo.
Para rematar, a deputada popular salientou que, “gracias ao traballo de todos, conseguimos que Galicia sexa unha comunidade referente a nivel estatal: fomos os primeiros en ter un recurso económico propio para axudar ás vítimas, os primeiro en poñer en marcha a quenda de garda en apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos, os primeiros en ofrecer vivendas tuteladas para vítimas de violencia con enfermidade mental e un dos primeiros en recoñecer a violencia dixital como unha forma de violencia de xénero”.