Rueda avoga por un partido unido que acolla a todos para avanzar máis: “Este non será o PP de Rueda, será o PP de Galicia”

02
Mai

Rueda avoga por un partido unido que acolla a todos para avanzar máis: “Este non será o PP de Rueda, será o PP de Galicia”

Busca ofrecer un proxecto ilusionante, renovar a confianza dos que xa apoiaron aos populares e convencer tamén aos que non os votaron antes

O candidato á Presidencia do PPdeG, Alfonso Rueda, avogou por un partido unido e pediu aos seus compañeiros dalo todo por unha Comunidade que debe seguir progresando. “Este non será o PP de Rueda, será o PP de Galicia”, manifestou hoxe na Xunta Directiva dos populares da provincia da Coruña na que tamén participou o presidente provincial, Diego Calvo.

 

Alí, destacou que a súa formación chegará a onde se propoña se o fai sen deixar a ninguén atrás: “Creo que o pelotón do PPdeG ten que acoller a todos para avanzar máis. Cada un desde o noso cometido, pero todos arredor dunhas siglas, dunhas ideas e dun proxecto sólido e unívoco”.

 

Sobre isto, indicou que el vai ser o primeiro en traballar para manter a unidade, en animar ao partido, en pedir que se fagan novos camiños e en compartir os triunfos. “Isto non fixo máis que comezar. Pídovos que sigamos ofrecendo un proxecto ilusionante a cada galego, que sigamos gañándonos a confianza de quen nos apoiaron antes con motivos renovados e que non renunciedes a convencer aos que nunca nos votaron”, recalcou.

 

ACADAR NOVOS TRIUNFOS

Durante a súa intervención, Rueda explicou os motivos polos que se presenta a presidir a formación na Comunidade, recoñecendo que dá ese paso porque se ve capaz de levar ao partido a novos triunfos, está ilusionado por ofrecer un proxecto dunha Galicia aínda máis forte e puxante, ten unha traxectoria de xestión útil e pode asegurar un Goberno estable centrado en gobernar para o conxunto dos galegos e non ocupado en contentar a un socio.

 

Por todo isto, pediu a confianza dos seus compañeiros para que na nosa Autonomía non se produza o bochorno que vemos a diario no Executivo central, para que o PPdeG contribúa decisivamente a levar a Alberto Núñez Feijóo á Presidencia do Goberno de España e para traballar co obxectivo de que os galegos lle outorguen aos populares a quinta maioría absoluta consecutiva.

 

ILUSIÓN, PROXECTO E RESULTADOS “SEN PRECEDENTES”

O candidato tamén se amosou agradecido polos máis de 7.000 avais obtidos para presentarse a liderar a organización, aclarando que este récord non é unha medalla persoal, senón que simboliza que o partido pode mellorar aínda máis as súas marcas.

 

Nese senso, insistiu en que queda moito por facer, pois hai que saír do Congreso máis unidos e ilusionados que nunca, ofrecer un proxecto para acadar un país cunha economía e cuns servizos mellores, e traballar para acadar un resultado electoral “sen precedentes” como é unha quinta maioría absoluta. Así mesmo, puxo en valor a traxectoria de éxito do PPdeG, unha senda de servizo aos galegos, de unidade, de estabilidade, de xestión e de confianza que agora deben continuar enriquecendo e reforzando.

 

Tras incidir en que os populares seguirán sendo fieis aos intereses de Galicia e que aproveitarán o Conclave autonómico para ser aínda máis útiles, salientou que -ao contrario do que procuran o resto de forzas políticas- non buscan ser elixidos por descarte, sumar con quen sexa só para conseguir algo de poder, impoñer aos galegos como teñen que ser e pensar ou esperar ao que diga Pedro Sánchez para saber o que dicirlle aos cidadáns.

 

Igualmente, engadiu que o PPdeG non goberna a tempo partido nin é unha formación “de rachas”, resaltando que tampouco están “tan fóra da realidade como para dicir que me gañaron nas eleccións”, como afirma o BNG: “Primeiro, non me presentei nunca; e segundo, sempre que a señora Pontón foi cabeza de cartel, perdeu”.

 

 

Comparte: