Iniciativa sobre rexeitamento a Resolución do Parlamento Europeo respecto do aumento dos recursos pesqueiros no mar

23
Abr

Iniciativa sobre rexeitamento a Resolución do Parlamento Europeo respecto do aumento dos recursos pesqueiros no mar

Iniciativa sobre o rexeitamento á Resolución do Parlamento Europeo sobre un aumento dos recursos pesqueiros no mar

 

O Parlamento Europeo vén de aprobar recentemente unha Resolución sobre un aumento dos recursos pesqueiros no mar, baixo o título “medidas para promover a recuperación das poboacións de peixes por riba do rendemento máximo sustentable (RMS), en particular zonas de recuperación de poboacións de peixes e zonas mariñas protexidas".

 

Aínda que non ten valor vinculante, pois non se trata de un texto lexislativo, esta Resolución si contén numerosos aspectos que ao parecer do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, son moi negativos para os intereses da frota pesqueira galega e da cadea mar-industria.

 

En concreto, non se recoñecen os esforzos e logros do sector pesqueiro cara a sustentabilidade, apóstase por substituír o criterio de Rendemento Máximo Sustentable (RMS) polo Rendemento Máximo Económico (REM) e, en definitiva, realízase unha excesiva presión ambiental sobre o sector, que xa ten que afrontar retos como os efectos da obriga de desembarque, o Brexit, a pandemia da covid-19 e a futura reforma do Regulamento de Control ....

 


Este texto vai na liña dunha visión que non ten en conta a realidade social e económica do mundo do mar e, en consecuencia, é preciso que, desde todas as institucións – incluído a Cámara galega- sigamos traballando en favor do xusto equilibro entre a sustentabilidade ambiental e as dimensións económica, social e de emprego da actividade pesqueira.

 

 

Se ben todos coincidiremos en que o futuro o planeta debe ser verde e azul, debemos asegurar tamén que o futuro do sector pesqueiro sexa de todos os homes e mulleres que viven del e que a normativa vixente teña en conta as características singulares dunha actividade que pode ser plenamente sustentable é, á súa vez, xerar oportunidades de emprego e actividade económica.

 


Por todo o exposto, desde este Grupo Parlamentario, presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Parlamento Europeo e á DG Mare para amosar o seu rexeitamento á Resolución sobre un aumento dos recursos pesqueiros no mar, medidas para promover a recuperación das poboacións de peixes por riba do rendemento máximo sustentable (RMS), en particular zonas de recuperación de poboacións de peixes e zonas mariñas protexidas, de tal xeito que se reconsidere o seu contido, en favor do xusto equilibro entre a sustentabilidade ambiental e as dimensións económica e sociolaboral da actividade pesqueira”.

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001022

 

Comparte: