Iniciativa en relación coa execución do proxecto de peonalización e mellora comercial da rúa Diego Pazos en Sarria

04
Mai

Iniciativa en relación coa execución do proxecto de peonalización e mellora comercial da rúa Diego Pazos en Sarria

 

Iniciativa sobre o requirimento que debe realizar o Goberno galego ao Concello de Sarria en relación coa execución do proxecto de peonalización e mellora comercial da rúa Diego Pazos

 


A mala situación que presenta unha das principais vías comercias do municipio lucense de Sarria a rúa Diego Pazos, é consecuencia directa da deficiente execución dunha obra promovida en 2018 polo Concello desta localidade e que hoxe, pese a tempo transcorrido, foi incapaz de rematar completamente, como tampouco foi quen de corrixir as deficiencias detectadas.

 

As devanditas obras iniciáronse en 2018, segundo o proxecto técnico presentado polo Concello de Sarria e autorizado pola Xunta. Este detallaba unha mellora integral e incluía actuacións en todo o dominio público: nas beirarrúas, aparcamentos e zona de circulación, así como tamén nos servizos complementarios tales como a iluminación e o mobiliario urbano.

 

A autorización da Xunta inclúe o cumprimento dunha serie de prescricións obrigatorias para o promotor desta actuación –neste caso, para o Concello de Sarria- que está obrigado a repoñer, ao seu cargo, os elementos da estrada que resulten afectados pola execución das obras, restituíndo ás súas anteriores condicións de seguridade e funcionalidade.

 

Ademais, con toda lóxica, o Concello de Sarria é tamén responsable das operacións de conservación e mantemento requiridas, así como das actuacións que sexan necesarias para garantir a accesibilidade, seguridade e funcionalidade menoscabadas como consecuencia da mala execución desta obra.

 

 

A veciñanza, comerciantes e usuarios desta vía non merecen seguir soportando esta mala situación, nin convivir con permanentes fochancas, ou cos problemas derivados do mal nivelado que provoca charcos e inundacións nos locais comerciais, vivendas e garaxes próximos.

 

 

En consecuencia, resulta necesario esixir ao Concello de Sarria que se responsabilidade dunhas actuacións por el promovidas e mal executadas e que o faga ademais non só con reparacións puntuais, senón levando a cabo a obra de mellora integral á que se comprometeu e que ademais foi autorizada.

 

A propia Corporación Municipal de Sarria aprobou, polo menos ata en cinco ocasións, acordos plenarios nos que se insta ao Alcalde e ao seu goberno a acometer o proxecto de arranxo e terminación da rúa Diego Pazos. Requirimentos que, ata o momento, non se cumpriron.

 

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a requirirlle ao Concello de Sarria a execución do proxecto de peonalización e mellora comercial da rúa Diego Pazos, segundo o proxecto técnico inicialmente presentado e que conta coa pertinente autorización autonómica, e no que se recolle unha actuación integral na rúa, coa execución de beirarrúas, aparcadoiros e zona de circulación, así coma servizos, iluminación e mobiliario urbano".

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001193

 

 

Comparte: