Elección presencial dss prazas de formación sanitaria especializada

31
Mai

Elección presencial dss prazas de formación sanitaria especializada

 

Iniciativa sobre a demanda por parte da Xunta de Galicia ao Goberno de España para que se habilite a elección presencial das prazas de formación sanitaria especializada da convocatoria

 

Una das principais razóns polas que os profesionais sanitarios do Sistema Nacional de Saúde están entre as profesións mellor valoradas de España e son solicitados polos países de todo o mundo é, sen ningunha dúbida, o modelo de formación MIR.

Foi no ano 1963 no Hospital Xeral de Asturias en Oviedo e en 1964 na vella Clínica Puerta de Hierro de Madrid cando no noso pais se empezaba a formar aos médicos residentes, unha formación reglada que dende 1976 é obrigatoria. Este condicionante fai que os profesionais que se forman nos nosos hospitais alcancen unha forte capacitación e sexan moi valorados no resto do mundo.
Os elevados niveis de calidade na capacitación e o desempeño que os profesionais sanitarios ofrecen a partir da formación especializada, tanto se atendemos ao labor clínico, coma se nos fixamos no traballo que desenvolven no ámbito docente e investigador, son as principais razóns polas que o sistema sanitario español é considerado como un referente internacional.

 

Máis aló de prácticas illadas e do establecido en normas como a Lei do 25 de novembro de 1944, sobre a Escola Nacional de Sanidade (base terceira); a Lei do 20 de xullo de 1955 sobre «Ensino, título e exercicio das Especialidades Médicas», e a Lei
37/1962, do 21 de xullo, sobre os hospitais como centros de formación e especialización (parágrafo segundo do artigo primeiro), a formación sanitaria especializada deu os seus primeiros pasos en firme no noso país para mediados da década de 1960. Foi entón cando, a partir do modelo formativo sustentado na filosofía de «aprender traballando» aplicada na sanidade estadounidense desde finais do século XIX, comezou a implementarse a formación especializada en centros asistenciais como o extinto Hospital Xeral de Asturias e a, daquela, Clínica Porta de Hierro de Madrid. A expansión do sistema ao conxunto do país produciuse na década dos 70 (con normas como o Real Decreto 2015/1978, do 15 de xullo, polo que se regula a obtención de títulos en especialidades médicas, e o Real Decreto 3303/1978, do 29 de decembro, de regulación da medicina de familia e comunitaria como especialidade da profesión médica) e rematou de consolidarse como única vía legal de especialización nos anos
80 (esencialmente co Real Decreto 127/1984, do 11 de xaneiro, polo que se regula a formación médica especializada e a obtención do título de médico especialista).

Nos anos 90 foron impulsados distintos avances na formación especializada mediante iniciativas como a Orde do 22 de xuño de 1995 pola que se regulan as Comisións de Docencia e 105 sistemas de avaliación da formación de Médicos e de Farmacéuticos Especialistas, aínda que o avance realmente decisivo para actualizar o modelo tivo lugar nos 2000, concretamente coa Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias.
A referida Lei 44/2003 aborda a formación especializada en Ciencias da Saúde no seu capítulo terceiro (artigos 15 a 32), definíndoa como «unha formación regrada e de carácter oficial» que «ten como obxecto dotar aos profesionais dos coñecementos, técnicas, habilidades e actitudes propios da correspondente especialidade, de forma simultánea á progresiva asunción polo interesado da responsabilidade inherente ao exercicio autónomo da mesma». Tres anos despois, o Real Decreto 1146/2006, do 6 de outubro, polo que se regula a relación laboral especial de residencia para a formación de especialistas en Ciencias da Saúde; o Real Decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e desenvólvense determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada, e o Real Decreto 639/2014, do 25 de xullo, polo que se regula a
troncalidade, a reespecialización troncal e as áreas de capacitación específica,establécense as normas aplicables ás probas anuais de acceso a prazas de formación e outros aspectos do sistema de formación sanitaria especializada en Ciencias da Saúde e créanse e modifican determinados títulos de especialista, desenvolveron a citada Lei 44/2003 e formalizaron as transformacións e as actualizacións máis recentes da formación sanitaria especializada no Sistema Nacional de Saúde, consolidándoa como un dos principais argumentos, se non o maior, para certificar que os profesionais sanitarios son o principal activo do noso modelo asistencial.

En consecuencia, referirse á traxectoria descrita polo modelo de formación sanitaria especializada no noso país nas últimas décadas, é aludir a unha historia de éxito, con certa marxe de mellora en ámbitos como o desenvolvemento de certas especialidades e os sistemas de avaliación, pero un modelo que moitos países tentaron reproducir á nosa imaxe e semellanza.

Con todo, do mesmo xeito que ocorreu en moitos outros ámbitos e como xa sucedeu o pasado ano, a crise xerada pola pandemia de COVID-19 alterou a xestión da convocatoria deste ano. En primeiro termo, coa celebración do exame o pasado 27 de marzo, pola negativa da Dirección Xeral de Ordenación Profesional do Ministerio de Sanidade a ditar unha instrución con medidas alternativas que facilitasen a participación segura de aspirantes con síntomas compatibles co virus SARS- CoV-2, como se solicitou desde diferentes ámbitos. E en segundo termo, pola vontade do referido Ministerio de Sanidade de propoñer, como xa fixo en 2020, que a adxudicación de prazas que integran a formación sanitaria especializada sexa exclusivamente online. Sanidade xera esta situación a pesar de que o Tribunal Supremo se pronunciara o ano pasado en favor dos MIR, obrigando a rectificar ao Ministerio, que tivo que ceder e ofrecer a selección de praza vía presencial, e a pesar tamén de que desde a Asociación MIR España critican que Sanidade «se peche en banda e volva outra vez ao mesmo» e consideran que «a vía telemática é bastante inxusta» en tanto que «os aspirantes non poden saber que praza queren ata o momento que lles chega a súa quenda, porque o feito de que a adxudicación sexa electrónica restrínxeche moito esa flexibilidade que supón o sistema presencial, podendo cambiar de opcións conforme se van elixindo prazas por parte dos opositores».

Sindicatos e mesmo algúns Servizos de Saúde Autonómicos tamén mostraron a sua disconformidade e o seu temor a que queden prazas desertas con o sistema de adxudicación online.


Por todo o anteriormente exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en comisión:

“O Grupo Parlamentario Popular do Parlamento de Galicia, presenta a seguinte Proposición non de Lei «O Parlamento Galego insta ao Goberno de España a habilitar a elección presencial das prazas de formación sanitaria especializada da convocatoria 2020/2021 para as titulacións universitarias de grao, licenciatura e diplomatura de Medicina, Farmacia, Enfermería e do ámbito da Psicoloxía, a Química, a Bioloxía e a Física, habilitando e levando á práctica para iso cantas medidas sexan pertinentes para garantir transparencia, igualdade de condicións e seguridade fronte á pandemia de COVID-19.”

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/aQLlGY3FtPb7Dokpsmis6CPGDaA9Q1GgNNhRNOIQ6Qc=

 

Comparte: