Aumento das posibilidades de pesca da sardiña no Plan de xestión do stock da sardiña ibérica 2018-2023

10
Xu

Aumento das posibilidades de pesca da sardiña no Plan de xestión do stock da sardiña ibérica 2018-2023

 

 Iniciativa sobre a realización de xestións polo Goberno galego ante o Goberno central para o aumento das posibilidades de pesca da sardiña no Plan de xestión e recuperación do stock da sardiña ibérica2018-2023 

A actividade profesional pesqueira en Galicia constitúe un sector estratéxico, tanto pola súa dimensión social como polo seu peso económico, debido aos ingresos que lle proporciona ás comunidades costeiras, nas cales estas actividades constitúen o motor principal, e con frecuencia único, da súa economía.

A sardiña (Sardina pilchardus) é unha das especies peláxicas máis importantes (quizais a que máis) das que habitan as capas superficiais das plataformas continentais do Atlántico ibérico. A maior parte das capturas realízanse en Galicia (sobre todo na súa fachada oeste) e no norte de Portugal. A maioría das capturas realízanse coa arte de cerco e unha pequena cantidade coa do xeito.

A situación das existencias ibero-atlánticas da sardiña nas zonas CIEM VIIIc e IXa é coñecida. Así, ao longo da historia, as oscilacións da produción desta pesqueira foron continuas e, moitas veces, con dramáticas consecuencias para o sector pesqueiro.

Os numerosos estudos realizados sobre a sardiña permiten descifrar as causas da gran variación interanual da produción desta pesqueira. A flutuación é debida a que os recrutamentos teñen unha elevada dependencia das condicións ambientais e oceanográficas. O comportamento relativamente cíclico do recurso é ben coñecido polo sector e polos científicos que traballan nesta pesqueira.

Así, o Goberno de España e o Goberno de Portugal uníronse para levar adiante un Plan de Gestión y recuperación del stock de la sardiña ibérica (2018-2023) supervisado por Bruxelas e que hoxe da os seus froitos. A presencia de sardiña aumentou nos últimos dous anos máis dun 1.000%, cuestión que sinala o bo facer dos plans e o alto recrutamento da especie.


Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que se dirixa ao Goberno de España para que se aumenten as posibilidades de pesca de sardiña dentro do Plan de Gestión y recuperación del stock de la sardiña ibérica (2018-2023), atendendo ao bo comportamento da especie e á existencia de alternativas sostibles para elevar as cantidades de peixe a pescar”.

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/sfc2qAISaiI4VLpUuJDcZFFkKm46Wgt7oBZZbQPrzOI=

 

Comparte: