Iniciativa sobre a postura que debe defender a Xunta perante o Ministerio de Agricultura respecto da negociación da PAC 2023-2027

31
Ago

Iniciativa sobre a postura que debe defender a Xunta perante o Ministerio de Agricultura respecto da negociación da PAC 2023-2027

Iniciativa sobre a postura que debe defender a Xunta de Galicia perante o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación respecto da negocaición da política agraria común 2023-2027

 

O pasado martes, 25 de maio, o conselleiro do Medio Rural comparecía no Parlamento de Galicia para dar conta do estado das negociacións sobre o deseño e aplicación da Política Agraria Común –coloquialmente coñecida por todos polas súas siglas PAC– para o vindeiro período de execución 2023-2027.

Unha comparecencia na que se fixo unha petición de consenso da que é fundamental partir, de cara á defensa dos intereses de agricultores e gandeiros galegos, nos vindeiros debates e negociacións para a configuración da futura PAC. Neste sentido, este consenso foi mantido, como se puido observar na práctica, coas organizacións agrarias e cooperativas galegas, así como na posición conxunta acordada polas comunidades da Cornixa cantábrica –Asturias, Cantabria, País Vasco, e a nosa propia, Galicia–, reflectida nun documento subscrito por todas elas, acordo histórico que foi feito público recollendo as demandas destas Comunidades Autónomas ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), co obxecto de que se tiveran en conta as características e particularidades propias das mesmas.

Ao respecto, é preciso continuar avanzando nas negociacións e, para iso, Galicia debe partir dun consenso, que se materialice non só coas restantes comunidades da España húmida, senón tamén cos grupos parlamentarios, xa que neste punto os nosos intereses son os mesmos, os intereses do sector agropecuario galego. Polo tanto, propoñemos manter a posición construtiva e de colaboración institucional que tivo a Xunta de Galicia no transcurso das negociacións respecto do Goberno central, pero coa máxima firmeza na defensa das especificidades e intereses do noso sector agrario,como son unha maioría de explotacións de tamaño pequeno ou mediano, de carácter profesional, pero eminentemente familiar e unha clara orientación produtiva cara a sectores gandeiros como o lácteo e o cárnico, que nos diferencia, e moito, doutras zonas de España, partindo para iso dun posicionamento conxunto do Goberno e grupos parlamentarios.

Esta postura común susténtase na evidencia de que existen unha serie de cuestións , no tocante ao primeiro piar (aproximadamente 170 millóns de euros correspondentes aos pagamentos directos da PAC cada ano), que constitúen intereses esenciais do sector en Galicia, tales como:


 A necesidade de que o MAPA nos faga coñecedores do contido concreto da súa proposta sobre a delimitación e os importes das novas rexións da PAC que se van aplicar na axuda básica, en particular daquelas nas que estarían as explotacións galegas, posto que, sen esta información é imposible facer ningún cálculo nin valoración das propostas formuladas polo Ministerio acerca do deseño da futura PAC.
 No que se refire á superficie con dereito a cobro da axuda básica á renda dos agricultores, Galicia parte dunha superficie con dereitos de pago moi inferior á media española. Demandamos que se corrixa este desequilibrio antes de ampliar esta superficie, como propón o MAPA, a novos cultivos de viñedos, froitos e hortalizas, localizados, fundamentalmente, nas Comunidades Autónomas do sueste español. Así mesmo, tamén demandamos que se facilite a entrada de superficies e sistemas produtivos de pastoreo.


 Con respecto ás axudas asociadas, a posición de Galicia é a de que se manteñan para os sectores de vacún de leite, vacún de carne e ovino-caprino, cunha dotación polo menos similar ao período 2014-2020. Para iso, deberanse destinar a esas axudas o 13% dos fondos dispoñibles para axudas directas do primeiro piar (+2% para cultivos proteicos).
 Ante a posición de apertura dun programa sectorial para a oliveira tradicional, que contará cun 0,62% dos fondos, Galicia demanda un programa similar para a recuperación dos soutos tradicionais ou que se inclúa o castaño nas axudas
asociadas para froitos de cáscara.


 Sobre o capping ou límite de axudas, é preciso que o MAPA precise a fórmula que vai utilizar para aplicalo e o destino dos fondos resultantes, tamén a metodoloxía para o cálculo e asignación do pago redistributivo, así como datos sobre os resultados que se derivarían nas diferentes “rexións PAC”.
De forma adicional, deféndese a inclusión dos seguintes puntos no deseño da aplicación da PAC 2023-2027 en España:
 Aplicación no capping e a degresividade das máximas porcentaxes de redución das axudas aos maiores perceptores que permita o regulamento finalmente aprobado.
 Para a aplicación deses mecanismos non deben deducirse os custos laborais, coa única excepción das explotacións asociativas, nin tampouco os pagos a empresas externas (servizos externos contratados).
 Damos por suposto que, en canto ao destino dos fondos, o capping e a degresividade vanse aplicar a nivel nacional e non dentro de cada “rexión PAC”.
 O pago redistributivo debe contar cunha dotación orzamentaria ambiciosa, aplicarse a nivel nacional, non dentro de cada “rexión PAC”, e priorizar aos agricultores profesionais (de pequena e mediana dimensión en relación á media española).
Neste sentido, consideramos que debera haber un maior pago ás primeiras hectáreas co obxecto de beneficiar as pequenas e medianas explotacións, e dentro delas aos agricultores e gandeiros cunha dependencia significativa dos ingresos agrarios, dando prioridade sobre todo aos agricultores profesionais.
 Sobre a definición de “agricultor xenuíno”, en canto que destinatario das axudas do primeiro piar da PAC e dalgunhas do segundo piar, esta debe basearse nunha porcentaxe mínima dos ingresos agrarios sobre os totais, que propoñemos no 30% (se ben podería aceptarse o 25% que propón o MAPA), incluíndo tamén as persoas afiliadas á Seguridade Social como traballadores por conta propia no sector agrario.
Sobre os ecoesquemas:
o Apoiamos que se destine a estas axudas o 20% do montante dispoñible para pagos directos.

 

o Porén, constatamos con preocupación que nos ecoesquemas propostos polo MAPA denótase un marcado carácter mediterráneo, abordando problemáticas e realidades produtivas principalmente do centro e do sur peninsulares, quedando a España húmida moito máis desatendida.
o Por iso, é preciso engadir outros ecoesquemas adicionais, nos que se contemplen as realidades da Cornixa cantábrica, e introducir, de modo transversal:
ü Aplicar en todos os ecoesquemas nos que sexa pertinente un complemento vinculado á prevención de incendios.
ü Estender o complemento previsto para as superficies en
Rede Natura ás zonas con limitacións naturais.
ü Introducir en todos eles unha modulación da axuda por estratos de tamaño.
 En relación á converxencia intrarrexional da axuda básica á renda, temos que manternos na demanda dunha converxencia progresiva e gradual. Ademais, posicionámonos en contra dunha tarifa plana por hectárea, pretensión doutras CCAA do centro e sur peninsular. E demandamos que a contía da axuda básica por hectárea nas diferentes “rexións PAC” teña en conta as diferentes realidades existentes, no plano agronómico e socioeconómico, en especial o emprego agrario xerado por unidade de superficie.

Estamos fronte a unha cuestión transcendental que beneficia a preto de 26.000 galegos e galegas cada ano cunha contía que se elevaba, no pasado 2020, aos 205 millóns de euros de axudas directas ás explotacións, 170 millóns correspondentes aos pagamentos directos do primeiro piar da PAC e 35 millóns de euros de medidas de desenvolvemento rural (ademais do apoio a diferentes tipos de investimentos esenciais para o noso medio rural, dentro do segundo piar da PAC), polo que este consenso, máis ca nunca, é vital.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que na negociación da PAC 2023-
2027 ante o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación defenda a seguinte postura:

 


1.- Con carácter previo ao peche das negociacións deberá demandarse ao Goberno central que se traslade á Xunta de Galicia todos os datos necesarios para poder determinar a afectación aos agricultores e gandeiros galegos do modelo que se propón polo MAPA. En especial, é imprescindible que o MAPA nos faga coñecedores de todos os datos da súa proposta sobre a delimitación, as superficies e os importes da axuda básica nas novas rexións PAC, en particular daquelas nas que estarían as explotacións galegas.

 

 

2.- A definición de agricultor xenuíno, como perceptor das axudas do primeiro piar da PAC e dalgunhas do segundo piar, debe basearse no requisito de que unha porcentaxe significativa dos seus ingresos totais (como mínimo o 25%) sexan ingresos procedentes da actividade agraria, admitindo tamén como agricultor xenuíno a aquel que se atope dado de alta na seguridade social como traballador por conta propia no réxime agrario.

3.- No relativo ao debate sobre a superficie con dereito a cobro das axudas da PAC, non é admisible a apertura a novos cultivos, viñedo, froitas e hortalizas, localizados maioritariamente no sudeste español, sen antes regularizar o déficit de superficie admisible con dereitos que ten Galicia respecto da media nacional.

4.- Demandamos que a contía da axuda básica por hectárea nas diferentes “rexións PAC” teña en conta as diferentes realidades existentes, no plano agronómico e socioeconómico, en especial o emprego agrario xerado por unidade de superficie.

5.- Deben asignarse ás axudas asociadas o máximo de fondos que permita o regulamento europeo (13% + 2% cultivos proteicos) e manter como mínimo para os sectores de vacún de leite, vacún de carne e ovino-caprino unha dotación similar ao período 2014-2020, incluíndo ademais o castaño nas axudas asociadas para froitos de cáscara.

6.- Demandamos unha aplicación intensa do pago redistributivo en canto á porcentaxe de fondos que se destinen ao mesmo. O pago redistributivo deberá aplicarse considerando a superficie media por explotación a nivel nacional e non dentro de cada “rexión PAC”. Sobre esa base, deberá haber un maior pago ás primeiras hectáreas co obxecto de beneficiar as pequenas e medianas explotacións, en especial aquelas de agricultores e gandeiros cunha dependencia significativa dos ingresos agrarios, dando prioridade sobre todo aos de carácter profesional.

7.- En canto ao límite das axudas por explotación (capping) e a degresividade, defendemos a súa aplicación nas máximas porcentaxes de redución das axudas aos maiores perceptores que permita o regulamento europeo finalmente aprobado. Para a aplicación deses mecanismos non deben deducirse os custos laborais, coa única excepción das explotacións asociativas, nin tampouco os pagos a empresas externas (servizos externos contratados). O destino dos fondos derivados do capping e a degresividade deberá aplicarse a nivel nacional e non dentro de cada “rexión PAC”.

8.- Defendemos a introdución de novos ecoesquemas e a modificación dos que propón o MAPA, para que respondan á realidade da agricultura e gandería galegas, de xeito particular os que favorezan a extensificación da gandería e a recuperación dos sistemas agroforestais. Os ecoesquemas propostos polo MAPA deberán adaptarse ás características da agricultura e gandería galegas, introducindo de forma transversal as seguintes características:

- Aplicar en todos os ecoesquemas nos que sexa pertinente un complemento vinculado á prevención de incendios.
- Estender o complemento previsto para as superficies en Rede Natura ás zonas con limitacións naturais.
- Introducir en todos eles unha modulación da axuda por estratos de tamaño”.

 

Rexistro Iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001759

 

Comparte: