Defensa ante a UE e a OMC do freo a proposta de prohibir determinadas subvencións á pesca

25
Out

Defensa ante a UE e a OMC do freo a proposta de prohibir determinadas subvencións á pesca

Galicia asiste con preocupación ao desenvolvemento das negociacións que, no marco da Organización Mundial do Comercio (OMC) están a darse sobre medidas para a eliminación de subvencións á pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (INDNR) e á prohibición de determinadas formas de subvencións á pesca que supostamente contribúen á sobrecapacidade e á sobrepesca.

O 11 de maio de 2021, o Presidente das negociacións sobre as subvencións á pesca, Embaixador Santiago Wills (Colombia), presentou un novo proxecto de texto destinado a achegar aos Membros a un acordo antes da reunión de Ministros do 15 de xullo.

Neste sentido, a tenor do artigo 5 do borrador presentado, consideraríase que contribúen á sobrecapacidade ou sobrepesca, por tanto estarían prohibidas, as subvencións “á compra ou a cubrir os custos de combustible, xeo ou cebos”.

Galicia rexeita a eliminación xeneralizada do combustible bonificado para a frota pesqueira que propón este borrador da OMC, debido a que pon en risco a sustentabilidade e o futuro do sector pesqueiro galego. Entendemos que se trata dunha medida cando menos inxusta, xa que cargaría de novo un esforzo sobre a frota da UE e da galega, que están demostrado practicar unha pesca responsable e sustentable en todos os mares nos que desenvolve a súa actividade sobre un equilibrio dos termos ambientais, sociais e económicos e cun alto estándar de aplicación de requisitos nestes terreos, tal e como lle establece a normativa europea, a máis esixente en materia de sustentabilidade a nivel global.

Desde o convencemento de que poden adoptarse outras medidas para mellorar a eficiencia enerxética e atallar a sobrepesca, a sobrecapacidad e as prácticas
irresponsables de determinadas frotas sen prexudicar a aquelas que actúan de forma
responsable, Galicia está a promover outras accións para a mellora da eficiencia enerxética e a descarbonización do sector, tales como a inclusión do sector marítimo-pesqueiro na vía do uso do hidróxeno.

 

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para demandar diante da UE e da OMC unha defensa pechada para frear a proposta de prohibir as subvencións á compra ou a cubrir os custos de combustible, cuxo obxectivo é a defensa da igualdade global da actividade marítimo-pesqueira e da competitividade e sustentabilidade da nosa frota”.

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001663

 

 

Comparte: