Actuacións para promover unha candidatura para albergar a futura sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial

05
Mai

Actuacións para promover unha candidatura para albergar a futura sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial

 

Actuacións que debe leva a cabo a Xunta de Galicia para promover unha candidatura para albergar a futura sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial

O En maio de 2021 a Unión Europea publicaba un regulamento para afrontar o reto de xestionar a intelixencia artificial sen que os dereitos dos cidadáns, así como os valores europeos, se vexan menoscabados. O obxectivo é a harmonización lexislativa entre os Estados membros nesta materia.

Neste eido, a disposición adicional centésimo trixésima da Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022 autoriza ao Goberno a impulsar unha lei, de cordo co artigo
91 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público, para a creación da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, cunha asignación de 5 millóns de euros e configurada como Axencia Estatal dotada de personalidade xurídica pública, patrimonio propio e autonomía na súa xestión e con potestade administrativa.

A Axencia, que actuará con plena independencia orgánica e funcional das Administracións Públicas, de forma obxectiva, transparente e imparcial, e que estará adscrita á Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, levará a cabo medidas destinadas á redución de riscos significativos sobre a seguridade e a saúde das persoas, así como sobre os seus dereitos fundamentais, que poidan derivarse do uso de sistemas de intelixencia artificial.

Estas medidas inclúen, ademais de accións propias, actuacións en coordinación con outras autoridades competentes, cando sexa aplicable, actuacións de apoio a entidades privadas. Encargarase, así mesmo, do seguimento dos proxectos enmarcados na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, así como os impulsados pola Unión Europea, en particular os relativos ao desenvolvemento normativo sobre intelixencia artificial e os seus posibles usos.

Ademais a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial forma parte dos organismos públicos do Estado de nova creación que poden ser descentralizados, ao abeiro do Real Decreto 209/2022, de 22 de marzo, “polo que se establece o procedemento para a determinación das sedes físicas das entidades pertencentes ao sector público institucional e se crea a Comisión consultiva para a determinación das sedes”. A Comisión interministerial púxose en marcha o pasado 6 de abril, e está presidida pola ministra de Política Territorial.

As comunidades autónomas e os municipios que queiran postular un enclave, ademais de aprobalo nos seus respectivos Parlamentos ou Plenos, terán que presentar unha memoria xustificativa e un informe de cumprimento dos criterios fixados pola mencionada comisión consultiva.

Galicia sempre estivo nunha posición de vangarda en canto ao desenvolvemento e á aplicación das tecnoloxías intelixentes, sendo unha das primeiras comunidades autónomas en aprobar unha Estratexia en Intelixencia Artificial.

Ademais a Xunta de Galicia está a desenvolver o Ecosistema GobTech, que impulsa o uso de tecnoloxías avanzadas, entre as que se atopa a intelixencia artificial, por parte do sector público e dado que Galicia conta cun ecosistema de intelixencia artificial fortalecido, entre o que destacan as tres universidades, centros tecnolóxicos e centros de investigación

Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Comisión.

“O Parlamento de Galicia inste á Xunta de Galicia a:

1º.- Impulsar as actuacións necesarias para promover que a Comunidade Autónoma de Galicia presente unha candidatura para albergar a futura sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial.

2º.- Establecer os mecanismos que faciliten o apoio de todo o ecosistema de ciencia e tecnoloxía co obxectivo de favorecer a candidatura de Galicia.


3º.- A dirixirse ao Goberno de España para que comunique canto antes á Xunta de Galicia os requisitos de competencia, primando a transparencia e a equidade.

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-003080

 

Nota de prensa:http://www.ppdegalicia.com/index.php/gl/novas/item/5937-o-parlamento-pide-ao-ministerio-de-xustiza-que-axilice-a-tramitacion-da-norma-para-a-creacion-de-novas-unidades-xudiciais-en-galicia

 

 

Comparte: