Modernización dos treitos ferroviarios Vigo-O Porriño e O Porriño-fronteira portuguesa

15
Nov

Modernización dos treitos ferroviarios Vigo-O Porriño e O Porriño-fronteira portuguesa

Demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España respecto da modernización dos treitos ferroviarios Vigo-O Porriño e O Porriño-fronteira portuguesa.

 

O  Goberno  portugués  presentou  a  finais  do  pasado  mes  de  setembro  a  súa planificación en materia ferroviaria que deixa patente a súa aposta pola conexión por alta velocidade con Galicia ao potenciar a liña Lisboa-Porto-Vigo.

Unha postura que coincide coas prioridades fixadas pola Unión Europea, que otorga importancia estratéxica a eurorrexión Galicia-Norte Portugal e, en consecuencia, o eixo atlántico de Alta Velocidade Ferrol-Porto-Lisboa.

Pola contra, o Goberno de España, desdicíndose dos seus compromisos, defende a conexión por alta velocidade con Portugal desde Madrid, e aposta polo desenvolvemento do Corredor Mediterráneo en detrimento do Atlántico, como pon de manifesto o feito de que nos orzamentos deste ano só inclúen unha partida para a realización dun estudo de alternativas para a Saída Sur de Vigo e nada para o treito O Porriño-fronteira de Portugal e nos do vindeiro ano continúa coa redacción do estudo de alternativas para o que consigna 30.000 euros.

O AVE Vigo-Porto é unha prioridade para Galicia e é imprescindible que, dunha vez por todas, o Goberno central avance na súa tramitación e consigne o orzamento necesario para executar as obras necesarias. Neste momento, ademais, contamos cunha oportunidade única, os fondos europeos Conectar Europa e Next Generation nos que encaixa perfectamente esta mellora das infraestruturas ferroviarias e que é preciso aproveitar.

Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte  proposición non de lei en Pleno:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España que:


1. Avance de xeito inequívoco na modernización dos treitos ferroviarios Vigo-O Porriño e O Porriño-fronteira portuguesa, tanto no ámbito administrativo como orzamentario, empezando por incluír partidas con esta fin nas contas de 2023, que permita acompasar os tempos á planificación prevista polo Goberno de Portugal e que fixa en 2030 a chegada do AVE a Valença.

2. Inicie as negociación co Goberno portugués para subscribir o acordo entre os dous países que permita construír a necesaria nova ponte internacional ferroviaria”.

Comparte: