O PPdeG demanda a devolución dos 204 millóns de euros que Sánchez furtou aos galegos e que poderían destinarse a combater a pandemia

30
Abr

O PPdeG demanda a devolución dos 204 millóns de euros que Sánchez furtou aos galegos e que poderían destinarse a combater a pandemia

Sinala que no PSdeG están máis preocupados polo escuro futuro político de Caballero e polos postos en deputacións e concellos que por superar a crise sanitaria e económica

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, demandou que o Goberno central articule, canto antes, un mecanismo para a devolución dos 204 millóns de euros que o Executivo socialista lle debe aos galegos desde o ano 2018 da devolución do IVE, unha cantidade “que Pedro Sánchez decidiu furtarnos de fondos públicos que poderían destinarse a combater a pandemia”.

 

Como sinalou, esta mesma semana o Tribunal Supremo deu a razón a outra Autonomía, Castela e León, obrigando ao Goberno a abonar a mensualidade do IVE que lle debe cunha demoledora sentenza que deixa claro que o Executivo do PSOE vulnerou o dereito á autonomía financeira das Comunidades, que orixinou un importante quebranto económico e que se produciu un enriquecemento indebido por parte do Estado. Ademais, resaltou a esclarecedora resposta da Administración central, que propuxo unha solución conxunta para todas as Comunidades, asumindo a sentenza, que é o mesmo que denuncia Galicia desde hai meses.

 

O número dous do PPdeG afeou que, incluso cando o Tribunal Supremo lle da a razón a Galicia, os partidos da oposición seguen “negando a maior”, cun PSdeG que defende por riba de todo e de todos a Pedro Sánchez nun exercicio constante de deslealdade cos galegos, e cun Bloque cómplice necesario de que Sánchez continúe na Moncloa e do seu maltrato constante á Comunidade, “porque no BNG de Ana Pontón son antes sectarios que nacionalistas”.

 

O ESPERPENTO DO SOCIALISMO GALEGO

O secretario xeral tamén lamentou o novo capítulo do “esperpento” ao que chega o socialismo galego por defender a indefendible xestión da pandemia de Pedro Sánchez e cualificou como lamentable a súa resposta ante a demanda do PPdeG dun marco xurídico axeitado para xestionar a crise sanitaria.

Sobre isto, recordou que o PSdeG asegurou primeiro que esta era unha competencia exclusiva do Goberno central e votou en contra de dotar a Galicia dunha lexislación propia pero, onte mesmo, tamén votou en contra de demandarlle ao Estado que exerza as competencias que, segundo eles, lles corresponden. “O socialismo do hortelano:  Nin comen, nin deixan comer. Nin lexislan, nin deixan lexislar. Nin xestionan, nin deixan xestionar. A resposta dos socialistas ante a maior crise sanitaria e económica da nosa historia recente é a parálise, a deixación de funcións e o sectarismo”, resaltou.

 

Para Tellado, só houbo algo peor que a pésima xestión da pandemia do PSOE e foi a actuación do PSdeG de Gonzalo Caballero, que non deixou de aplaudir en ningún momento a Sánchez e que non tivo nin a coraxe nin a decencia para criticalo nin para poñerse, por unha vez na súa vida política, do lado dos galegos. “Os socialistas galegos son igual de culpables que os socialistas do Goberno porque están máis preocupados do escuro futuro político de Caballero e de que postiños se van a repartir cos nacionalistas nas deputacións e concellos que en arrimar o ombro para superar canto antes esta crise sanitaria e económica”, aseverou.

 

Fronte a todo isto, admitiu que o Executivo galego estivo si á altura das circunstancias, poñendo todos os seus esforzos e recursos a disposición dun único obxectivo: “Xestionar a pandemia e salvar vidas, algo que sigue facendo a día de hoxe e por iso temos a menor taxa de mortalidade de toda a España peninsular”.

 

RESPECTO E RECOÑECEMENTO Á GARDA CIVIL

Por outra banda, aclarou a abstención dos populares galegos na toma en consideración da proposición de lei sobre o traspaso á Comunidade das competencias de Tráfico e Seguridade Vial, explicando que, ao contrario que o PSdeG e do BNG, que cambian de idea segundo lles convén; os populares galegos son coherentes co votado noutras ocasións: “Sempre reclamamos as competencias administrativas en materia de Tráfico aínda que neste momento esa non é unha prioridade para Galicia, por iso nos abstivemos”.

 

De igual modo, quixo deixar claro que o PPdeG “en ningún caso quere apartar á Garda Civil das estradas galegas”, un corpo ao que consideran “excepcional, profesional e moderno e ao que lle temos o maior respecto, aprecio e recoñecemento”.

Comparte: