Tellado: “Se non é posible garantir a presenza da Garda Civil en Galicia, renunciaremos á reivindicación das competencia de Tráfico”

10
Mai

Tellado: “Se non é posible garantir a presenza da Garda Civil en Galicia, renunciaremos á reivindicación das competencia de Tráfico”

Recoñeceu o enorme aprecio e respecto que sente o PPdeG polo labor que realiza o instituto armado na Comunidade

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, explicou esta mañá a postura do seu partido sobre á reivindicación das competencias administrativas en materia de Tráfico e garantiu a presenza da Garda Civil na Comunidade “mentres goberne o Partido Popular de Galicia”.

 

Nesta reunión, á que asistiron 21 representantes da Garda Civil pertencentes a 10 colectivos de axentes, tamén participaron Paula Prado, voceira de Interior do PPdeG no Parlamento de Galicia, e Ana Vázquez, portavoz de Interior do PP no Congreso dos Deputados.

 

Tellado relatou como a reivindicación das competencias administrativas en materia de Tráfico e Seguridade Viaria é unha vella reclamación de todos os partidos da Cámara galega. “Unha competencia para a que nos faculta a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia”, asegurou aínda que aclarando que “agora non é o momento”.

 

“Pero esta demanda administrativa non ten nada que ver con expulsar á Garda Civil das nosas estradas” asegurou o secretario xeral, culpando de desinformar sobre esta cuestión aos outros partidos “con intereses electorais en Madrid”.

 

“Non estamos dispostos a asumir as competencias administrativas de Tráfico se isto supón prescindir do labor que realiza a Garda Civil” insistiu o popular.

 

Igualmente, subliñou que “non hai nada peor que a desinformación interesada para xerar unha situación de desconfianza” e reivindicou o longo historial de colaboracións do PPdeG e a Xunta co instituto armado: “Nós queremos máis Garda Civil en Galicia, nunca menos, e así o reclamamos durante todo a historia da nosa Autonomía”.

 

Por último, incidiu no enorme aprecio que o PPdeG sente pola tarefa realizada pola Garda Civil en todo o país e, de forma especial, en Galicia, e recoñeceu a súa profesionalidade e eficacia: “A Garda Civil é unha institución que vertebra España e realiza un gran traballo, especialmente no medio rural, onde leva a cabo un labor extraordinario”. “En moitas ocasións sen todos os medios e recursos que necesitan” engadiu o número dous dos populares galegos.

 

DESINFORMACIÓN INTERESADA

Pola súa banda, a voceira de Interior do PPdeG no Parlamento de Galicia admitiu que o seu modelo “non é nin o modelo do BNG nin o modelo de Navarra“.

 

“Aquí houbo partidos que estiveron moi interesados en xerar confusión e desinformar, porque estaban inmersos nunha campaña electoral en Madrid” sostivo a vicevoceira do Grupo Popular.

 

Prado detallou que a abstención do Partido Popular de Galicia foi na toma en consideración dunha proposición de lei do BNG, o que “non implica aceptar o texto lexislativo proposto, só abrir unha vía para debater a cuestión competencial”. “Agora debateremos a proposta de lei e a postura do noso partido a favor da Garda Civil quedará claramente reflexada” finalizou a voceira popular.

Comparte: