O Parlamento galego pide ao Goberno central que conte coas autonomías no deseño do Plan Turístico do Xacobeo

09
Xu

O Parlamento galego pide ao Goberno central que conte coas autonomías no deseño do Plan Turístico do Xacobeo

Santiago, 9 de xuño de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que conte coa participación das comunidades autónomas no deseño do Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22, para a concreción de accións e a aplicación de recursos económicos.

 

 

O deputado compostelán e portavoz de Turismo do Grupo Popular, Borja Verea, lembrou que a ministra de Industria convocou o pasado mes de marzo unha reunión con representantes de todas as comunidades autónomas e anunciou o Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22, “pero sen ningún compromiso real e, moito menos, compromiso económico”.

 

“Estamos diante dunha nova decepción para todo o sector turístico, logo de máis dun ano sen medida algunha do Goberno central que favoreza a este sector, nin axudas directas e sen baixar o IVE para o ámbito turístico e cultural”, engadiu.

 

CHEGA TARDE E OBRIGADO

 

Diante desta situación, Borja Verea contrapuxo a actitude da Xunta, “cun compromiso político, institucional e orzamentario co Xacobeo, para o que xa ten anunciado un investimento de 85 millóns de euros en ámbitos tan diversos como a seguridade, a mellora de infraestruturas e a paisaxe, a promoción e a programación de actividades lúdicas e culturais”.

 

“O Goberno central tamén é o goberno de todos os galegos e tamén ten responsabilidades no Xacobeo 21-22, como evento turístico e cultural nacional e con proxección internacional”, manifestou o portavoz popular. Deste xeito, lamentou que “ata o momento non hai compromisos económicos, pero tampouco hai compromisos a nivel político nin institucional”.

 

Borja Verea apuntou que “o Goberno de Pedro Sánchez chega tarde co seu Plan Turístico para o Xacobeo 21-22, co agravante de que chega obrigado polas insistentes demandas realizadas tanto desde a Xunta como desde as comunidades autónomas polas que atravesa o Camiño de Santiago”.

 

En concreto, lembrou que o Presidente da Xunta pediu ao presidente do Goberno central 100 millóns de euros, que se destinarían á rehabilitación dos bens de interese cultural existentes ao longo do Camiño de Santiago (70 millóns de euros) e á programación de actividades (30 millóns de euros).

Comparte: