O PPdeG apoia que a concesión portuaria dos terreos de Vulcano estea condicionado ao seu uso para a construción e reparación naval

14
Xul

O PPdeG apoia que a concesión portuaria dos terreos de Vulcano estea condicionado ao seu uso para a construción e reparación naval

Santiago, 14 de xullo de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación polo Pleno do Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a posicionarse e votar no Consello de Administración do Porto de Vigo que o concurso para a concesión portuaria do antigo estaleiro de Vulcano estea condicionado ao uso para a actividade da construción e reparación naval.

Así mesmo, pídese que á Autoridade Portuaria de Vigo que permita o uso da lámina de auga, mentres o concurso non se resolva, a Estaleiros San Enrique para que poida continuar a súa actividade e que o persoal que está no paro poida reincorporarse ao seu posto de traballo.

 

A deputada popular Teresa Egerique incidiu que “sempre defendemos o sector naval e, no caso do estaleiro de Vulcano, apostamos por agardar o ditame do Tribunal de Conflitos de Xurisdición para determinar o procedemento que se debería seguir en relación á concesión dos terreos que ocupaba”.

 

“O máis importante, á marxe dunha empresa ou doutra, é manter o emprego e a Xunta sempre estivo aí cando un estaleiro tivo problemas para axudar ás empresas auxiliares e para manter os postos de traballo”, asegurou a deputada popular.

 

Egerique reiterou que a solución ao problema de Vulcano “pasa por centrar os esforzos no que realmente importa: apoiar un proxecto empresarial solvente nos terreos do estaleiro que xere actividade económica e empregos no porto de Vigo, partindo sempre desde a máxima seguridade xurídica”.

Comparte: