O PPdeG ratifica o seu compromiso coa igualdade real e efectiva para estendela a todos os niveis da súa acción política

12
Set

O PPdeG ratifica o seu compromiso coa igualdade real e efectiva para estendela a todos os niveis da súa acción política

O Partido Popular de Galicia valorará a Raquel Touriño como presidenta da Comisión Permanente de Igualdade

A dirección do Partido Popular de Galicia propón a Raquel Touriño como presidenta da Comisión Permanente de Igualdade da formación. O Comité Executivo do PPdeG, que se reunirá mañá en Santiago e estará presidido por Alberto Núñez Feijóo, será o encargado de valorar a proposta e de aprobar os nomes da lista definitiva.

 

Esta Comisión adquiriu especial relevancia dende que no último Congreso autonómico se converteu nun órgano estatutario e a presenza de Raquel Touriño, integrante nata da dirección do partido ao ser vicesecretaria, evidencia o compromiso dos populares por integrar e estender a igualdade a todos os niveis da súa acción política.  

 

Así mesmo, o proposta sinala como secretarias da Comisión a Paula Mouzo, coordinadora de Movementos Sociais, e a Milagros Domínguez, concelleira de Ponte Caldelas, incluíndo a presenza de Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade. O listado completo está integrado por diferentes perfís femininos e masculinos -pois a defensa da igualdade non se reduce ás mulleres senón ao 100% da nosa sociedade-, xóvenes, pertencentes tanto ao entorno urbano como a concellos máis pequenos, e entre os que se atopan alcaldesas, portavoces, concelleiros, deputadas autonómicas ou representantes nas Cortes Xerais.

 

UNHA IGUALDADE REAL

O PPdeG é consciente de que a igualdade entre homes e mulleres non se pode limitar a só falar dela e da súa importancia, senón que debe estar presente en todas as decisións, accións e medidas que afectan á cidadanía, especialmente ás relacionadas coa educación, coa formación e co emprego.

 

Así mesmo, os populares apostan por unha igualdade real e efectiva, afastada das extravagancias doutros partidos, como os que afirman que hai que ensinar matemáticas con perspectiva de xénero ou empregan esta cuestión para facer políticas de propaganda que non van máis alá da mera anécdota para ocupar máis espazo nos medios de comunicación.

 

UN PARTIDO VIVO E EN MOVEMENTO

O Comité Executivo de mañá, o primeiro do curso político, reúnese a mesma semana que comeza o calendario congresual a nivel provincial. De feito, o día 18 celebrarase o conclave de Pontevedra e o día 19 o de Lugo, mentres os congresos da Coruña e Ourense terán lugar os días 25 e 26 de setembro, respectivamente.

 

Cómpre lembrar que o PPdeG deu inicio ao seu curso político hai dúas semanas en Cerdedo-Cotobade e que, unha semana máis tarde, o partido xuntaba ao seu Comité de Cidades, presidido por Alberto Núñez Feijóo en Santiago. Esta intensa axenda evidencia o interese dos populares galegos por activar e renovar a vida orgánica da formación, en constante movemento e actualización para seguir conectando coa sociedade, o que lle permite continuar sendo a primeira forza política de Galicia.

Comparte: