O Parlamento galego demanda ao Ministerio de Educación que concrete os novos currículos derivados da aplicación da LOMLOE

08
Out

O Parlamento galego demanda ao Ministerio de Educación que concrete os novos currículos derivados da aplicación da LOMLOE

Santiago, 8 de outubro de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o voto favorable do PSdeG, a través da que se solicita ao Ministerio de Educación axilidade na concreción dos novos currículos derivados da aplicación da LOMLOE como paso previo a poder acometer a súa adaptación ás particularidades do ensino galego e, entre outras cuestións, facilitar que a Consellería poida ofrecer ao profesorado galego un conxunto de instrumentos e ferramentas informáticas que permitan a elaboración das programacións didácticas acorde co modelo curricular vixente.

O portavoz popular de Educación, Ovidio Rodeiro, lembrou que a Lei orgánica de modificación da Lei de Educación (LOMLOE) que entrou en vigor en xaneiro deste ano é “unha norma imposta, elaborada de costas ás comunidades autónomas, a pesar de que son estas as que a teñen que aplicar”. A pesar desta situación, apuntou que “desde o Grupo Popular e desde a Xunta coincidimos na necesidade de seguir traballando para que, no marco da legalidade, o sistema educativo galego non se vexa afectado pola aplicación desta nova lei, que ataca os piares básicos do noso sistema como son a calidade, a equidade, a igualdade de oportunidades e a cultura do esforzo”.

 

Ovidio Rodeiro puxo de manifesto a “unha importante preocupación existente polo tempo e as formas nas que o Ministerio está a afrontar o desenvolvemento dunha lei orgánica que está en vigor e que fixa un calendario de aplicación”. “Galicia conta con lingua propia e non pode implantar os documentos base que aprobe o Ministerio á presa e a última hora, porque hai que adaptalos ás características da nosa comunidade”, manifestou.

 

DEIXAR DE PERDER O TEMPO

 

“O Ministerio de Educación ten que deixar de perder o tempo e axilizar os traballos para aprobar os novos reais-decretos sobre currículos nas diferentes ensinanzas, xa que as comunidades autónomas teñen que adaptar os documentos base e publicar os seus decretos nos respectivos boletíns oficiais”, demandou o portavoz popular.

 

Deste xeito, apuntou que “Galicia e as demais comunidades autónomas están á espera de que o Ministerio concrete, con textos de validez legal, as modificacións que implicarán os novos currículos educativos da LOMLOE e os obxectivos nos distintos niveis e ensinanzas do sistema educativo”. Ata este momento, o Ministerio tan só entregou os borradores dos currículos de infantil e primaria, “pero nada se sabe dos currículos da ESO e bacharelato”.

 

“Unha vez se aproben os decretos estatais, cada comunidade autónoma terá que redactar a súa propia normativa, polo que se está comprometendo ou case imposibilitando chegar a tempo ao inicio do vindeiro curso escolar, que é a data fixada pola LOMLOE para que entren en vigor os novos currículos”, engadiu.

Comparte: