O Grupo Popular afronta o Debate sobre o Estado da Autonomía “cunha actitude de diálogo e de aceptar propostas para un futuro mellor”

11
Out

O Grupo Popular afronta o Debate sobre o Estado da Autonomía “cunha actitude de diálogo e de aceptar propostas para un futuro mellor”


Santiago, 11 de outubro de 2021.- “Imos ao Debate sobre o Estado da Autonomía cunha actitude de diálogo e de aceptar propostas para preparar un futuro mellor”, avanzou hoxe o portavoz popular, Pedro Puy. Así mesmo, contrapuxo “un Goberno galego estable, cos pes no chan e que está a actuar con realismo, fronte a uns grupos da oposición que se atopan nunha etapa de autodefinición en todos os sentidos, tanto a nivel ideolóxico como programático”.

Pedro Puy comezou a súa comparecencia en rolda de prensa cun recordo para o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, falecido a semana pasada. “Quero expresar o cariño e a proximidade de todo o grupo parlamentario con toda a súa familia e amigos”, manifestou, para asegurar que “botaremos moito de menos a Valeriano, que estaba a xogar un papel fundamental na Xunta e, ata hai pouco, no Grupo Parlamentario Popular”.

 

O portavoz popular enmarcou o Debate sobre o Estado da Autonomía “na normalidade democrática” que se vive en Galicia, en contraposición cos sete anos que pasaron desde o último Debate sobre o Estado da Nación nas Cortes Xerais. “É importante facer un balance de como estamos, porque Galicia está a superar a pandemia sanitaria cunha incidencia moito menor e nunha mellor posición para centrarnos no futuro”, apuntou.

 

OS EFECTOS PERSISTEN

 

Porén, a pesar de que a incidencia da Covid-19 en Galicia está baixando, Puy lembrou que “os seus efectos económicos e sociais persisten entre nós” e avogou por “aproveitar os fondos europeos para acelerar os cambios e reformas necesarias para que Galicia poida seguir contando o seu devir como de éxito e progreso”.

 

Cuestionado sobre os posibles acordos que se poidan producir cos grupos da oposición, Pedro Puy adiantou que “intentaremos entendernos” con BNG e PSdeG porque “cando hai argumentos e acordos o país avanza mellor, pero as circunstancias políticas e os antecedentes fan pensar que vai ser complicado acadar consensos”.

Comparte: