Puy salienta o “discurso moderado e de man tendida” de Feijóo no DEA, “que abre unha esperanza de transformación de Galicia e de seguir avanzando”

13
Out

Puy salienta o “discurso moderado e de man tendida” de Feijóo no DEA, “que abre unha esperanza de transformación de Galicia e de seguir avanzando”

Santiago, 13 de outubro de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou o “discurso moderado e de man tendida” do Presidente da Xunta no Debate sobre o Estado da Autonomía, “que abre unha esperanza de transformación de Galicia e de continuar avanzando nos éxitos dos últimos anos para conseguir unha comunidade mellor para os que nos sucedan”.

Pedro Puy amosou a súa satisfacción “por ver o final do túnel” da pandemia sanitaria, logo de “importante anuncio de que se vai levantar a vindeira semana a emerxencia sanitaria e podemos ir recuperando a actividade social e económica”. “Estamos en mellores condicións que o resto das comunidades autónomas”, asegurou.

 

POTENCIAR OS SERVIZOS SOCIAIS

 

De cara ao futuro, e por moito que se teña superado o peor da pandemia da Covid-19, o portavoz popular salientou anuncios feitos polo Presidente da Xunta como a creación da oitava área sanitaria, centrada na innovación tecnolóxica; a mellora da atención primaria sanitaria, con novos investimentos e infraestruturas tanto en centros de saúde como nos hospitais comarcais; a posta en marcha dun novo modelo de residencias para facelas máis acolledoras para os maiores e máis resistentes de darse unha nova pandemia sanitaria; a gratuidade das escolas infantís para todos os alumnos; ou un plan de choque en materia de dependencia.

 

“Aprendeuse desta crise sanitaria para potenciar os nosos servizos sociais e para continuar o que no Goberno galego ten competencias e que vai dirixido á mellora da vida dos galegos e das galegos”, puntualizou.

 

No ámbito económico, Pedro Puy subliñou que neste momento “temos un menor número de parados que ao inicio da pandemia, pero hai que tomar medidas no ámbito da formación porque aparecen novos empregos de calidade que demandan a persoas que non hai para ocupar eses postos de traballo”. Así, considerou fundamental a medida anunciada polo Presidente da Xunta para, a través do diálogo coas formacións empresariais e sindicais, reformar o sistema de formación “para que case mellor a oferta e a demanda de postos de traballo”.

 

RECUPERACIÓN ECONÓMICA

 

Ademais, afirmou que Feijóo “presentou un plan de recuperación económica que vai máis alá da recuperación da crise que xerou a pandemia, porque abrangue a transformación do noso tecido produtivo para garantir emprego de calidade no futuro”. Deste xeito, falou de transformacións no mundo rural ou na sector industrial galego, “onde temos o grande reto de aproveitar os fondos europeos e que Galicia reciba de acordo co reparto que fai Europa”.

 

“Todo iso cunha administración publica detrás, que trata de colaborar coas persoas a través dos servizos sociais, cos empresarios que xeran emprego e cunha política económica que está a dar resultados e está demostrado que funciona, que consiste en endebedarse menos, investir máis e ir avanzando nas rebaixas de impostos aos galegos”, manifestou.

 

Unha actuación da administración “importante nun momento de crise no que todos esperamos que se incremente o consumo e o investimento, e que todas as familias poidan dispoñer de recursos para emprender actividades ou para consumir e dinamizar a nosa economía”.

Comparte: