O Grupo Popular salienta que Galicia contará en 2022 co orzamento máis social da súa historia

23
Nov

O Grupo Popular salienta que Galicia contará en 2022 co orzamento máis social da súa historia

Santiago, 23 de novembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos salientou hoxe no Pleno de Parlamento galego que Galicia contará o vindeiro ano 2022 co orzamento máis social da historia: cerca de 930 millóns de euros. Así mesmo, apuntou que “non é necesario un plan contra a pobreza como o que propón o PSdeG, porque xa existen instrumentos de planificación en Galicia como a Estratexia social de inclusión ou a Axenda social única, ademais da Risga ou da tarxeta básica”.

Alberto Pazos lembrou que “Galicia, a través do compromiso político e orzamentario, leva anos tentando reducir, con notable éxito, as fendas social, educativa e fiscal”. Así, ademais de contar co orzamento social máis importante da súa historia, “a Comunidade galega goza do sistema educativo máis inclusivo de España e con mellores resultados PISA da historia, e a sociedade galega é a que máis recortou a fenda salarial respecto da media española, sento tamén a comunidade autónoma que distribúe a riqueza máis equitativamente”, engadiu.

 

FRACASO DO GOBERNO CENTRAL

 

Porén, o deputado popular afirmou fuxir de “triunfalismos, porque lonxe diso estamos fondamente preocupados pola incidencia sobre a pobreza que están a ter dous factores de distinta natureza: a pandemia, que causou unha crise sanitaria, económica e social; e as políticas do Goberno de España en tres materias: social, educativa e fiscal”.

 

“En concreto, o Goberno central fracasou na xestión do ingreso mínimo vital e está a crear pobreza asociada á súa política industrial”, manifestou Pazos, quen criticou ao PSdeG por “afirmar que están preocupados pola equidade no ensino, pero apoian unha nova lei de educación que fulmina de raíz o ascensor social por excelencia, baseado no mérito e capacidade; ou defenden as ferramentas do Goberno de Pedro Sánchez para aumentar a recadación, con novos impostos ou incrementos nos prezos da enerxía, matriculación, diésel, plásticos, autovías ou a eliminación das bonificacións nos plans de pensións”.

Comparte: