O Parlamento demanda ampliar os programas de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero

25
Nov

O Parlamento demanda ampliar os programas de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero

Santiago, 25 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a ampliar os programas de fomento da inserción laboral para vítimas de violencia de xénero e mulleres vulnerables, así como continuar garantindo o funcionamento efectivo e a mellorar a difusión de todos os recursos asistenciais para as vítimas de violencia de xénero.

A deputada popular Rosalía López manifestou que “a eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require dunha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación, sempre desde o respecto ao réxime de distribución competencial, entre todas as administracións e organismos públicos e privados”.

 

CONCILIACIÓN

 

“A permanencia das mulleres no mercado laboral, a permanencia do emprego e as súas condicións de traballo aínda están lonxe de producirse en condicións de igualdade”, sinalou a deputada popular, quen concretou que “as estatísticas seguen a revelar unha realidade desigual nas retribucións salariais, na promoción profesional e no acceso a sectores e ámbitos aínda fortemente masculinizados, así como tamén na presenza nas esferas de decisión”.

 

Neste sentido, Rosalía López afirmou que outro dos grandes retos para os vindeiros anos é a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, e a corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar. Así, engadiu que “a desigual repartición de responsabilidades familiares e das tarefas do fogar constitúe un dos principais obstáculos para que a participación, a permanencia e a promoción das mulleres na esfera laboral se produza de forma plena”.

 

INDEPENDENCIA ECONÓMICA

 

A deputada popular apuntou que “un piar fundamental para conseguir a independencia e a promoción da autonomía persoal da muller será a consecución da independencia económica das mulleres a través da súa inserción laboral, máxime no caso de mulleres vítimas da violencia de xénero”.

 

“Será necesario, por tanto, contar cunha serie de actuacións, dirixidas ao conxunto da sociedade, que afonden na intervención e integración das mulleres, programas de axudas para apoiar a súa contratación, programas de inserción sociolaboral, intervencións dirixidas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, apoios económicos para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero ou axudas económicas periódicas ou de pagamento directo”, concretou.

Comparte: