Tellado: “Xa esta ben de que os galegos teñamos que reclamar por vía xudicial ao Goberno de Sánchez o que é noso”

14
Xan

Tellado: “Xa esta ben de que os galegos teñamos que reclamar por vía xudicial ao Goberno de Sánchez o que é noso”

Denuncia que o Executivo socialista nos maltrate repartindo os Fondos Europeos de maneira ilegal, arbitraria, pouco transparente e electoralista

O número dous dos populares galegos, Miguel Tellado, afirmou que “xa esta ben de que os galegos teñamos que reclamar por vía xudicial ao Goberno de Pedro Sánchez o que é noso, de enganar a Galicia, de tratar de excluírnos, de reducir a nosa parte en todos os repartos de fondos e de usar todos os recursos, legais ou ilegais, para maltratar á Comunidade”.

 

Así se expresaba polo reparto ilegal, arbitrario, pouco transparente e electoralista que está facendo o Executivo central dos Fondos Europeos, “primando a Comunidades gobernadas polos socialistas ou polos seus socios de Goberno”. O secretario xeral lamentou que se continúe ninguneando a Galicia e recalcou que os galegos non merecen ese trato “polo único pecado de non votar socialista nas eleccións autonómicas”.

 

Segundo explicou, a pesar de que as políticas activas de emprego son unha competencia das Comunidades e de que o reparto destes fondos debe pasar pola Conferencia Sectorial, descubriuse polo BOE que o Ministerio de Traballo estaba dotando de fondos a algunhas Autonomías de forma unilateral e sectaria.

 

Tellado recordou que o pasado decembro o Goberno galego fixo un requirimento previo ao Consello de Ministros, para que o Estado repoña os fondos que corresponden a Galicia nesta materia antes de ter que recorrer aos tribunais. “Alberto Núñez Feijóo informou deste requirimento por carta ao presidente do Goberno e, un mes despois, seguimos a espera dunha resposta”, dixo.

 

“Estamos cansos de ter que dar roldas de prensa e rexistrar iniciativas no Parlamento e nas Cortes para tratar de evitar este menosprezo constante, así como de recorrer aos tribunais para que obriguen ao Goberno a darnos o que é noso, como no caso da débeda do IVE ou da Lei de Saúde Pública de Galicia”, recoñeceu.

 

Ademais, preguntou pola postura dos partidos da oposición sobre este tema: “Que opina Valentín González Formoso de que o diñeiro que corresponde a Galicia vaia para outras Comunidades gobernadas polos socialistas? Vai seguir a liña sumisa do PSdeG de Caballero ou atreverase a levantar a voz fronte a esta nova inxustiza?”. De igual modo, referiuse a cal será a actitude de Pontón: “Supoño que, coma sempre, fará moitos aspaventos pero seguirá apoiando a Pedro Sánchez, ao que fixo presidente”.

 

RESPONSABILIDADE E OPTIMISMO

Por outra banda, durante a súa rolda de prensa agradeceu o esforzo de todos os profesionais que están loitando contra a pandemia e lanzou unha mensaxe de responsabilidade e de optimismo.

 

A pesar de que nestes momentos aínda hai activos 59.000 casos en Galicia, indicou que a porcentaxe de hospitalizacións é inferior ao 1%, o que significa que o 99% dos afectados permanecen na súa casa con sintomatoloxía leve.

 

Tamén resaltou que Galicia é a Comunidade de España cunha menor porcentaxe de ocupación hospitalaria, un dato moi determinante que fala da ampla oferta de camas que existe na Sanidade pública galega, do éxito das medidas de contención do virus  impulsadas pola Xunta e da responsabilidade de todos os galegos.

 

No referido ás vacinas, tamén somos a Autonomía española con maior porcentaxe de poboación vacinada - cunha dose, con dúas e xa con tres-, outro éxito dos nosos profesionais da saúde e da xestión sanitaria.

 

Sobre isto, salientou que nunhas datas tan complicadas como o Nadal fomos quen de respectar as medidas sanitarias e de coidar dos nosos máis que nunca. Malia que non son momentos sinxelos e existe un gran esgotamento, fixo fincapé en que estamos facendo as cousas ben e, por sorte, queda cada vez menos para que podamos recuperar a normalidade.

A FUNDAMENTAL FIGURA DE MANUEL FRAGA

Por último, falou da homenaxe que os populares farán a Manuel Fraga mañá polo décimo aniversario do seu pasamento e na que, para honrar o seu legado, celebrarán unha ofrenda floral diante da súa casa natal en Vilalba.

 

Tellado destacou que Fraga foi unha figura indispensable en España, fundamental durante a Transición española como pai da Constitución e fundador do PP. Así mesmo, puxo en valor a súa importancia para a nosa Comunidade, pois foi o principal impulsor do modelo autonómico e, durante os seus anos ao fronte da Xunta, construíu as bases da Galicia moderna.

 

Como sinalou, o acto estará encabezado por Alberto Núñez Feijóo, “un presidente que representa mellor que ninguén a Galicia de hoxe. Unha ponte entre as xeracións de Fraga, que deron forma ao noso pasado, e as novas xeracións, que teñen o reto de construír o noso futuro”.

Comparte: