O Parlamento galego celebrará o 3 de agosto o Pleno extraordinario para a aprobación do teito de gasto para 2023

29
Xul

O Parlamento galego celebrará o 3 de agosto o Pleno extraordinario para a aprobación do teito de gasto para 2023

Santiago, 28 de xullo de 2022.- O Parlamento de Galicia acollerá o vindeiro mércores, ás 11 da mañá, o Pleno extraordinario para a aprobación do límite de gasto non financeiro da Comunidade galega, segundo o se acordou hoxe na Xunta de Portavoces. O portavoz popular, Pedro Puy, subliñou que “estamos a falar dun procedemento normal en Galicia que da estabilidade e certeza para a recuperación da economía galega”.

Pedro Puy lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma que convalida no Parlamento autonómico o teito de gasto aprobado polo seu Goberno”. Neste sentido, salientou que “estamos ante un procedemento normal que non existe noutras comunidades autónomas” e apuntou que “un ano máis a Xunta vai tramitar as súas contas na Cámara en tempo e forma” para que estean operativas a partir do 1 de xaneiro.

 

Cuestionado sobre a reunión celebrada onte entre o Presidente da Xunta e o Presidente do Goberno de España, o portavoz popular amosou a súa “sorpresa polas críticas do BNG á falta de resultados”, logo de que se confirmara o apoio con fondos europeos para o proxecto de Altri en Palas de Rei ou de Stellantis en Vigo, así como a creación dunha mesa de seguimento para a chegada dos trens AVRIL a Galicia. “Estaremos vixiantes, como onte dixo o Presidente Rueda, de que finalmente se convertan en realidade estes compromisos” indicou.

 

TRANSFERENCIA DO DOMINIO PÚBLICO MARÍTIMO-TERRESTRE

 

Porén, Pedro Puy criticou que Pedro Sánchez rexeitara a transferencia a Galicia das competencias do dominio público marítimo-terrestre, instando a levar adiante unha reforma do Estatuto de Autonomía para conseguir este traspaso.

 

Neste sentido, lembrou que o ditame elaborado polo Consello Consultivo sinala que Galicia xa ostenta competencias en materia de ordenación do litoral e que o traspaso de funcións e servizos é un acto debido por parte da Administración do Estado, ao tempo que concreta que a Comunidade galega xa ten recoñecida a competencia exclusiva sobre ordenación do territorio e do litoral no artigo 27.3 do Estatuto de Autonomía.

 

Ademais, Pedro Puy explicou que “existe un mecanismo de transferencia de competencias máis directo, recollido no artigo 150.2 da Constitución Española, que consiste simplemente na aprobación dunha lei orgánica por parte das Cortes Xerais”. No caso da transferencia do dominio público marítimo-terrestre, “se compren todos os requisitos que marca a Constitución, porque está transferido a outras comunidades autónomas e hai unha demanda unánime do Parlamento de Galicia”.

 

Puy engadiu que “o que nos propón o Goberno de España é unha reforma do Estatuto que require unha aprobación dun proxecto de Lei, cunha maioría de dous terzos, por parte do Parlamento galego; a súa remisión ás Cortes Xerais; a aprobación como Lei orgánica desa reforma estatutaria; e, por último, o sometemento a referendo por parte do pobo de Galicia”.

 

“Politicamente, é sorprendente que o Goberno de España pretenda impoñer a unha Comunidade autónoma que non o demanda a reforma do seu Estatuto, e a única explicación que hai é que o Goberno de Pedro Sánchez estea tomando partido pola posición do grupo minoritario deste Parlamento, o que non parece o máis adecuado institucionalmente”.

Comparte: