O Parlamento galego insta á Xunta a colaborar cos concellos na loita contra a violencia de xénero

23
Nov

O Parlamento galego insta á Xunta a colaborar cos concellos na loita contra a violencia de xénero

23 de novembro de 2022. O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a colaborar cos concellos no ámbito da formación dos profesionais dos centros de información á muller e as mesas locais contra a violencia de xénero; seguir fomentando a rede galega de entidades locais contra a violencia de xénero; e fomentar a extensión de novos centros de información á muller.

Así mesmo, pídese ao Goberno central cumprir co mandato dos convenios de Istambul e Varsovia, facer efectivo o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e garantir un sistema de financiamento estable, plurianual e con fondos suficientes para afianzar os recursos humanos e técnicos necesarios na prestación dos servizos contra a violencia de xénero.Coincidindo coa celebración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, a iniciativa do Grupo Popular considera clave a cooperación dos poderes públicos, administracións e a sociedade para traballar arreo na prevención da violencia de xénero, na atención integral das vítimas e na súa erradicación completa.

 

POLÍTICAS PÚBLICAS E INSTRUMENTOS LEGAIS

 

Neste sentido, a viceportavoz popular salientou que Galicia leva anos promovendo políticas públicas e impulsando instrumentos legais para loitar contra a violencia de xénero. En concreto, referiuse á Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, aprobada en 2007, que nos últimos anos avanzou na tipificación doutras formas de violencia, como a violencia vicaria ou a violencia dixital. Ademais, o proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2023 inclúe o recoñecemento expreso da explotación sexual como violencia de xénero.

 

Paula Prado tamén citou outras actuacións de carácter transversal como o Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes ou o Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

 

Xunto a estas medidas, a viceportavoz popular salientou o orzamento anual que a Xunta destina para combater a violencia de xénero. En concreto, cifrou no 1,58 por cento a porcentaxe do orzamento da Administración galega que se dedica á loita contra a violencia de xénero, moi por enriba do 1 por cento que solicita o BNG. “Os independentistas galegos piden agora un orzamento que cando gobernaban non chegaban nin á cuarta parte do que recibe na actualidade a loita contra a violencia de xénero”, sinalou Paula Prado.

Comparte: