O PPdeG diríxese aos 10 deputados galegos do PSOE para que non sexan cómplices de Pedro Sánchez e voten hoxe contra a derrogación do delito de sedición

24
Nov

O PPdeG diríxese aos 10 deputados galegos do PSOE para que non sexan cómplices de Pedro Sánchez e voten hoxe contra a derrogación do delito de sedición

O Partido Popular de Galicia súmase á campaña #NoSeasCómplice nas súas redes sociais provinciais para interpelar aos dez deputados galegos do PSOE no Congreso ante a votación que terá lugar hoxe, xoves 24 de novembro, para a toma de consideración da proposición de lei de socialistas e Unidas Podemos para derrogar o delito de sedición.

O obxectivo desta acción dos populares, que foi Trending Topic en Twitter, é apelar ao sentido de Estado dos deputados do PSOE de toda España e instarlles a frear co seu voto a derrogación do delito de sedición, garantindo así a protección do noso Estado de Dereito posto en cuestión por Pedro Sánchez.

O presidente do Goberno certificou, unha vez máis, que a súa preferencia política pasa por afondar na radicalidade e no extremismo e pactar con aqueles partidos que queren romper a unidade do noso país. Aínda que iso supoña contradicir e desautorizar una sentenza do Tribunal Supremo e desprotexer ao Estado de Dereito ante a posibilidade de que no futuro se repita un golpe á orde constitucional similar ao acontecido en 2017 en Cataluña por parte dos líderes independentistas.

 

RESPONSABILIDADE E ALTURA DE MIRAS

Por todo isto, o Partido Popular de Galicia insta aos deputados Olga Alonso, Javier Cerqueiro, Montsterrat García, Natividad González, Ángeles Marra, Guillermo Meijón, Adolfo Pérez, Ana Prieto, Diego Taibo e Uxía Tizón a actuar con responsabilidade e altura de miras; pensando no ben do seu país e non na supervivencia de Sánchez na Moncloa. Pídelles ademais que non abandonen outra vez aos cidadáns cataláns non independentistas que, de saír adiante esta reforma lexislativa, sentiranse aínda máis desamparados polo Goberno de Pedro Sánchez.

Apuntan ademais a que o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ten hoxe a oportunidade de parar esta reforma do Código Penal pedindo aos representantes socialistas de Galicia que voten en contra deste cambio lexislativo en favor dos sediciosos que o Goberno pretende, ademais, tramitar por vía de urxencia.

O seu silencio, e o dos supostos baróns do PSOE, sería entendido como unha mostra de complicidade coa folla de ruta pactada entre Pedro Sánchez e o independentismo. O rango de “barón” conséguese tendo poder orgánico e exercéndoo en momentos históricos trascendentais para axudar a un partido a non desviarse dos seus principios fundacionais. E ese momento chegou.

Por iso o Partido Popular ten claro que os líderes autonómicos do PSOE serán protagonistas directos da votación de hoxe.

Comparte: