O Parlamento pide ao Goberno central a creación dun Grupo Operativo da Unidade de Prevención e Reacción da Policía Nacional en Ourense

24
Nov

O Parlamento pide ao Goberno central a creación dun Grupo Operativo da Unidade de Prevención e Reacción da Policía Nacional en Ourense

24 de novembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a creación dun Grupo Operativo ao completo da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Policía Nacional na Comisaría de Ourense.

A deputada popular Noelia Pérez pediu, ademais, que “mentres non se cree este Grupo Operativo, con carácter urxente se dote o posto de policía que falta no catálogo de postos de traballo para completar o Subgrupo Operativo e se dote a este dos medios necesarios para poder exercer as súas funcións en condicións de seguridade”.



Noelia Pérez lamentou que “a terceira cidade en número de habitantes de Galicia está a presentar, desde hai tempo, retos importantes en materia de seguridade, ante os que o actual Subgrupo Operativo, que non se atopa ao completo de efectivos, se amosa en moitas ocasións insuficiente”. “Temos que garantir, con todas as certezas, a seguridade da cidadanía, así como a dos propios axentes que están a intervir nos altercados que se producen”, indicou e lamentou que “os socialistas se poñan de perfil na solicitude deste grupo para Ourense ao tempo que os seus compañeiros o están a pedir para a provincia de Lugo”



COMPLETAR O SUBGRUPO



Na súa intervención, a deputada popular explicou que as Unidades de Prevención constitúense como unidades especializadas en seguridade cidadá e orde público, que se atopan nun chanzo intermedio entre os grupos operativos de resposta e as unidades de intervención policial.

A iniciativa parlamentaria do Grupo Popular reclama ao Goberno central a creación dun Grupo Operativo da UPR completo. “Unha vez que temos o subgrupo, é necesario completalo ata os 30 efectivos para poder dar unha resposta eficaz e eficiente ás necesidades que poidan xurdir en actuacións de orde público de baixa intensidade, apoiando deste xeito aos axentes da Policía Nacional e da Policía Local en momentos e tarefas específicas”, manifestou.

Noelia Pérez pediu, con carácter urxente e mentres non se cree este grupo operativo, que “se complete o subgrupo operativo da UPR que existe na Comisaría da Policía de Ourense, xa que na actualidade existen varios postos sen ocupar”. “É necesario e urxente que o Goberno de Pedro Sánchez dote á Comisaría de Ourense da todos os medios humanos e materiais necesarios para facer fronte aos lamentables altercados que cada vez son máis habituais en determinadas zonas de lecer deste concello”, sinalou.

Comparte: