O Grupo Popular pide ao Concello de Neda que se decante por algunha das alternativas propostas pola Xunta para eliminar os vertidos do río Xubia
17 de marzo de 2023. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, demandou hoxe no Parlamento que o Concello de Neda “valore e se decante por algunha das alternativas propostas que no mes de decembro lle fixo a Xunta de Galicia para eliminar os vertidos á ribeira do río Xubia, que son os que están a xerar o maior problema ambiental na ría de Ferrol”.
“O principal problema que ten o concello de Neda non é o funcionamento da súa estación depuradora, senón a súa rede de saneamento e as verteduras directas que realiza o mar”, concretou.
José Manuel Balseiro lembrou que “a prestación do servizo de saneamento é responsabilidade dos concellos, o que non impide que outras administracións tamén poidan colaborar nesta competencia municipal”. Neste sentido, subliñou “o papelón dos deputados socialistas e nacionalistas hoxe no Parlamento galego intentando botar balóns fóra e imputar a outras administracións aquilo que o alcalde de Neda non é capaz de xestionar”.
DISTINTAS ALTERNATIVAS
Na súa intervención, Balseiro explicou que a Xunta xa mantivo diversas xuntanzas co Concello de Neda para abordar os problemas de saneamento existentes e valorar distintas alternativas para eliminar as verteduras. Entre as medidas estudiadas figuran a conexión destas verteduras á rede, a regulación das augas residuais en tempo de choiva, a ampliación da depuradora ou derivar o vertido ao sistema de Ferrol.
“A última destas reunións foi o pasado mes de decembro, na que os representantes do Concello de Neda se comprometeron a estudar as opcións técnicas propostas e a comunicar a súa decisión a Augas de Galicia, pero a día de hoxe o Concello non ten presentado ningunha proposta, nin efectuado comunicación algunha á Xunta sobre este asunto”, lamentou o portavoz popular.
Balseiro criticou que “o Concello de Neda non fai nada por solucionar este problema, a pesar de que a Xunta xa lle ten aberto 13 expedientes sancionadores por estes vertidos directos ao río Xubia”. “Este concello ten múltiples alivios directos á ría de augas residuais sen depurar e desaugues de evacuación de augas pluviais que presentan unha elevada contaminación fecal, e que, sobre dicilo, non pasan pola depuradora”, explicou.
Por último, José Manuel Balseiro salientou que a Xunta “é a administración que máis colabora cos concellos na xestión das súas augas, porque sempre foron conscientes da complexidade técnica, administrativa e económica que supón este tipo de actuacións e obras hidráulicas para os municipios”.
Ademais, recordou que “cando a este Parlamento chegou a Lei de mellora do ciclo integral da auga, que amplía estes apoios aos concellos, o PSdeG e o BNG votaron en contra”.