Iniciativa para reforzar o selo Galicia Calidade

02
Out

Iniciativa para reforzar o selo Galicia Calidade

 

Iniciativa para reforzar o selo Galicia Calidade

Se contamos coa mellor terra, co mellor produto e cos medios axeitados para desenvolvelos debemos ser quen de potencialos dende todos os ámbitos: o sanitario, o tecnolóxico e o promocional. A pasada lexislatura permitiu a posta en marcha da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), que agrupa os centros de investigación e formación agroforestais dependentes da Xunta de Galicia ao tempo que tutela toda a calidade diferenciada galega que se organiza en 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.


O reto para esta nova lexislatura é atopar un mecanismo para a promoción conxunta desta produción de calidade diferenciada. Nun dos últimos Consellos da Xunta da pasada lexislatura, o goberno galego adoptou a
decisión de facelo a través dun selo xa existente e de éxito contrastado, como é Galicia Calidade.

En aquel momento, anunciouse que o impulso a Galicia Calidade como identidade da excelencia no rural galego faríase con base en dous piares, o financiamento e a estratexia. O primeiro deles debía pivotar sobre a promoción, o posicionamento e a axuda a todos os produtores, produtos e transformadores da nosa produción agroalimentaria. O segundo, a estratexia, debía centrarse en optimizar recursos, para unificar a acción de todos os actores implicados e para levar a marca ao primeiro nivel mundial de calidade.

En consecuencia, o programa electoral co que o Partido Popular de Galicia concorreu ás eleccións autonómicas de 2020 incluíu esta proposta, concretando que este novo selo debía englobar:

 Os produtos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida
 Os produtos que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación
 Os produtos derivados das razas gandeiras autóctonas galegas, dándolle así un valor engadido a estas producións
 Os produtos amparados co selo Galega 100%, que recoñece e distingue o leite de calidade diferenciada producido nas explotacións leiteiras da nosa comunidade.
 Os produtos da marca pescadeRías
 Os produtos que acaden o distintitivo de artesanía alimentaria conforme ao recentemente aprobado Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria

Esta proposta foi, deste xeito, incluída no programa electoral que foi avalado pola maioría dos votantes galegos nas pasadas eleccións autonómicas pero desde o Grupo Parlamentario Popular consideramos de interese sometela a debate deste Parlamento antes de implementala para poder recoller as achegas dos restantes grupos e sacar adiante este proxecto co maior respaldo político posible.
Polo exposto, os deputados e deputadas asinantes presentan a seguinte
Proposición non de Lei en Comisión:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reforzar o selo Galicia Calidade para que funcione como marca paraugas de todos os produtos que reflexan a excelencia do sector primario galego”.

 

Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000025

 

 

Comparte: