Iniciativa sobre a postura de  desconformidade en relación coa inclusión do lobo ibérico nas listaxe de especies silvestres en réxime de protección oficial

15
Feb

Iniciativa sobre a postura de  desconformidade en relación coa inclusión do lobo ibérico nas listaxe de especies silvestres en réxime de protección oficial

Iniciativa sobre a postura de  desconformidade en relación coa inclusión do lobo ibérico nas listaxe de especies silvestres en réxime de protección oficial

Diferentes medios de comunicación están a informar da intención do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico de incluír ao lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial ( LESRPE)


Esta decisión é contraria aos intereses das Comunidades do norte do río Douro (Castela e León, Asturias, Cantabria e Galicia). Comunidades con máis do 90% do lobo de España e cuxas explotacións gandeiras sofren os ataques.


O lobo en Galicia cumpre as tres condicións que marca a Directiva Hábitats cando fai referencia ao estado de conservación dunha especie e que sexa considerada favorable:

 

1. Os datos sobre a dinámica das poboacións das especies en cuestión indiquen que a mesma segue e pode seguir constituíndo a longo prazo un elemento vital dos hábitats naturais aos que pertenzan
2. A área de distribución natural da especie non se estea reducindo nin ameace con reducirse nun futuro previsible
3. Exista e probablemente siga existindo un hábitat de extensión suficiente para manter as súas poboacións a longo prazo.


As poboacións de lobo en Galicia en termos xerais mantéñense e mesmo experimentaron un certo aumento nos últimos 15 anos tal e como o indican os seguimentos realizados nalgunhas zonas e tendo en conta os datos de danos ocasionados ao gando.


A área de distribución do lobo en Galicia de acordo co último censo realizado supón un 72,17% do territorio galego, concluíndo que a presenza do lobo en territorio galego é xeneralizada. Se a maiores temos en conta os datos de indicios, áreas de campeo e presenza de manadas reprodutoras esta porcentaxe supoñería un 94% do territorio galego.


A situación actual do rural e as actividades agrícolas ou dos usos tradicionais do monte está a ser un elemento favorecedor para a extensión do hábitat idóneo para esta especie.


Non hai por tanto argumentos para considerar a esta especie dunha atención e protección particular ao amparo da Listaxe de Especies Silvestres de Protección Especial ( LESRPE).


O lobo forma parte do patrimonio natural e cultural de Galicia pero ao mesmo tempo xera unha conflitividade relevante co ser humano asociada aos danos que causa á cabana gandeira e que nos últimos anos tivo un incremento significativo.


Fai máis dunha década aprobouse o Plan de xestión do lobo en Galicia para garantir a viabilidade desta especie no noso territorio, mantendo unha poboación estable na nosa Comunidade Autónoma e ao mesmo tempo compatibilizar a súa existencia coa da gandería extensiva e coa viabilidade económica das explotacións agropecuarias adoptando medidas preventivas e establecendo liñas de axudas para paliar os danos causados por esta especie. O incluír ao lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial conlevaría poñer trabas á xestión desta especie tal como veu desenvolvendo durante estes últimos anos.


Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que mostre a súa desconformidade coa inclusión de todas as poboacións do lobo ibérico ao norte do Douro na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) e, a que demande ao Goberno de España a manter o actual status legal das poboacións de lobo ao norte do río Douro.”

 

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000696

Nota de Prensa: https://www.ppdegalicia.com/index.php/gl/novas/item/5039-o-parlamento-galego-demanda-ao-goberno-de-espana-que-paralice-a-inclusion-do-lobo-iberico-na-listaxe-de-especies-de-proteccion-especial

 

 

 

Comparte: