Feijóo propón un voto seguro ante as incertezas da situación actual e as que sumaría un multipartito

08
Xul

Feijóo propón un voto seguro ante as incertezas da situación actual e as que sumaría un multipartito

Afirma que a oposición “pasou do voto do medio ao medo a votar, pero esa estratexia tamén fracasará porque os galegos somos demócratas e teimudos”

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, propuxo hoxe aos galegos un voto seguro o vindeiro 12 de xullo ante as incertezas sanitarias coa ameaza da Covid-19, as incertezas na economía e o emprego, e as incertezas ante a posibilidade dun multipartito, cando o que se precisa é estabilidade. Neste sentido, afirmou que os partidos da oposición “pasaron do voto do medo ao medo a votar, pero esa estratexia tamén lles vai fracasar porque os galegos somos demócratas e teimudos, e votamos cando se nos chama a votar”.

 

Nun acto electoral celebrado en Marín, Feijóo citou a todos os galegos e galegas a ir a votar o vindeiro domingo para escoller entre certezas ou máis incógnitas; para seguir abordando os retos desde o mesmo día seguinte das eleccións ou frearse e ver que pasa; para decidir entre xestión ou axitación; ou para escoller unha Xunta que goberna ou a desorganización dun multipartito.

 

COLEXIOS ELECTORAIS SEGUROS

Na súa intervención, incidiu que os colexios electorais son lugares seguros, coas medidas de hixiene e distanciamento necesarias, sen ningún perigo de aglomeración e con preferencia en todo momento para os maiores. “Eu propoño un voto seguro porque se tomaron todas as medidas para poder votar con tranquilidade e porque temos xestores con experiencia ante as incertezas sanitarias coa ameaza da Covid-19 e as incertezas na economía e o emprego”, engadiu.

 

Ademais, apuntou que será un voto seguro ante as incertezas que suma un multipartito, cando o que se precisa é estabilidade e un presidente libre e que goberne para todos. “Se os galegos queren que eu sexa o seu presidente, pídolles o voto seguro á nosa candidatura o vindeiro domingo”, dixo.

 

“Non quero unha Galicia partida e repartida en partidos, quero unha Galicia que siga traballando conxuntamente; do mesmo xeito que non quero unha Galicia fragmentada en bloques de partidos segundo ideoloxías, filias ou fobias, senón que quero ser presidente dun pobo que se mantén unido porque todos nos necesitamos para cumprir as normas sanitarias, para volver a recuperar os postos de traballo que perdemos e, en definitiva, o sorriso”, sinalou

 

XESTIÓN SANITARIA SERIA E NA QUE CONFIAR

O Presidente do PPdeG afirmou que levará adiante o seu proxecto cunha xestión sanitaria seria e na que se poida confiar, continuando coa ampliación das infraestruturas e servizos que permitiron responder ante a pandemia do coronavirus e, sobre todo, actuando co sentidiño que é preciso.

 

Así mesmo, avanzou o seu propósito de que toda Galicia saia ganando con medidas en educación, onde se rexistran os mellores resultados de España segundo o informe PISA e defendendo unha selectividade máis equitativa en España que non prexudique aos mellores; con apoio ás familias, sobre todo ás que deciden ser pais; con innovación, impulsando as exportacións e modernizando e dando valor aos procesos e produtos deste sector; con respecto ao medio ambiente; potenciando o medio rural e a pesca; con mellores comunicacións; confiando nos mozos; e apoiando aos maiores.

 

Referíndose en concreto a Marín, salientou a construción do novo centro de saúde, o acondicionamento do centro de día, as tres novas garderías, o instituto da Illa do Tambo e o colexio do Carballal, así como asumiu o compromiso para a construción do auditorio de Marín.

Comparte: