Pedro Puy avoga por “aplicar todos os medios para que os incendiarios paguen as consecuencias das súas accións irresponsables”

14
Set

Pedro Puy avoga por “aplicar todos os medios para que os incendiarios paguen as consecuencias das súas accións irresponsables”

Santiago, 14 de setembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, incidiu hoxe que “estamos dispostos a aplicar todos os medios para que os incendiarios paguen as consecuencias das súas accións irresponsables”, ao tempo que avogou por continuar mellorando o sistema de prevención e loita contra os incendios.

 

 

 

Neste sentido, avanzou que o seu grupo parlamentario xa presentou unha proposición non de lei para a posta en marcha dun Centro Integral para a loita contra o lume, con persoal especializado para analizar e desenvolver accións que supoñan maior eficacia contra os incendios forestais.

 

 

Os deputados do Grupo Popular retomaron esta mañá as súas habituais reunións dos luns preparatorias das sesións plenarias e de coordinación da actividade parlamentaria. Así, entre outros asuntos, Puy informou que se abordaron cuestións como a difícil situación que están a vivir os traballadores de Alcoa, ante o que demandou que se acheguen posicións co posible comprador e se estableza canto antes un marco electrointensivo estable. Neste momento, apuntou que o custo da enerxía en España está en 49,07 euros por megavatio, mentres que en Francia está en 25 euros e en Alemaña en 20 euros.

 

Ademais de amosar a preocupación polo sector naval da ría de Ferrol como consecuencia da ausencia de carga de traballo no período transitorio ata o inicio da construción das fragatas F-110, o portavoz popular manifestou que na reunión abordouse a complexa situación que se está a vivir na provincia de Ourense cos incendios forestais, que nos últimos días xa queimaron máis de 6.000 hectáreas de terreo.

 

APROVEITARSE DAS CONDICIÓNS METEOROLÓXICAS

 

“Queremos trasladar o noso ánimo ás familias e veciños que ven afectadas as súas propiedades e ameazadas as súas vivendas, así como agradecer o traballo importante que se está a facer por parte dos servizos de prevención e defensa contra os incendios da Xunta e da Unidade Militar de Emerxencias”, subliñou. Neste sentido, lamentou que os incendiarios “se aproveitaran das difíciles condicións meteorolóxicas que vivimos estes días, con moito calor, seca e ventos, que favoreceron a implantación”.

 

Pedro Puy indicou que “seguiremos mellorando todo o que é o sistema de prevención e extinción de incendios” existente en Galicia, para o que informou que o Grupo Popular xa rexistrou unha proposición non de lei para “poñer en marcha un Centro Integral para a loita contra o lume, dotado con persoal especializado no comportamento e análise dos incendios forestais que dea formación a bombeiros forestais e desenvolva accións de análise e investigación para loitar con maior eficacia contra os lumes forestais”.

 

DEMANDAS AO GOBERNO CENTRAL

 

Outra das cuestións tratadas na reunión do Grupo Popular foi a evolución da pandemia do coronavirus. Puy expresou o pesar polos falecementos rexistrados a consecuencia da Covid-19 e agradeceu o traballo que están a facer tanto os profesionais sanitarios como os que traballan nos servizos sociais de Galicia.

 

Neste sentido, apuntou que o Grupo Popular tamén rexistrou iniciativas parlamentarias a través das que se insiste ao Goberno central na necesidade de que se leven a cabo os cambios necesarios la Lei Orgánica de Sanidade Pública para poder actuar ante a pandemia da Covid-19 con plenas garantías de seguridade xurídica; se retire a limitación das taxas de reposición do persoal do sistema sanitario público, co obxecto de permitir ofertar todos os postos necesarios para poder actuar ante a pandemia do coronavirus; e se estableza unha normativa común que regule as sancións derivadas do incumprimento das medidas establecidas para a prevención e loita contra a pandemia.

 

Cuestionado sobre o inicio do curso escolar, Pedro Puy lembrou que 950 centros de ensino de Galicia abriron sen ningunha incidencia, limitándose a 12 os colexios afectados por obras ou outras cuestións que impediron o comezo normal das clases. “Semella que a situación foi relativamente razoable”, asegurou, para avanzar que, unha vez se poña en marcha o curso tanto en infantil e primaria, como en secundaria e FP, o propio conselleiro de Educación comparecerá no Parlamento “para dar conta de todo o que se fixo e como transcorreu o inicio do curso escolar en Galicia”.

Comparte: