O PPdeG salienta a anticipación da Xunta e a Deputación de Ourense na activación de axudas para os sectores máis afectados pola Covid-19

28
Out

O PPdeG salienta a anticipación da Xunta e a Deputación de Ourense na activación de axudas para os sectores máis afectados pola Covid-19


Santiago, 28 de outubro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Marta Nóvoa incidiu hoxe no Parlamento na “necesidade de apoiar a todos os sectores que peor o están pasando por mor da pandemia” e, neste sentido, salientou tanto a anticipación da Xunta na toma de decisións, a través do Plan de Reactivación Económica ou o recentemente aprobado Plan de rescate para axudar a manter o emprego de autónomos e micropemes; como da Deputación de Ourense, coas axudas directas a autónomos e pemes que “só por sectarismo político foron denunciadas polos socialistas ourensáns”.

Marta Nóvoa subliñou que a anticipación do Goberno da Xunta na toma de decisións durante a pandemia “permitiu realizar unha xestión que protexeu a todos os galegos e galegas desde o punto de vista sanitario, pero tamén desde o punto de vista económico, concedendo ferramentas coas que manter e reactivar os seus negocios naqueles e nestes momentos tan complexos”.

 

En concreto, a deputada popular referiuse ao Plan de Reactivación Económica que, desde o primeiro momento, “tratou de axudar a situación derivada pola ralentización da actividade durante o estado de alarma, acompañando e dando resposta ás necesidades do tecido coa volta á actividade e apostando pola transformación e a consolidación empresarial”.

 

DÚAS LIÑAS

 

A este plan sumouse a semana pasada un novo plan de rescate para axudar a manter o emprego de 30.000 autónomos e 10.000 micropemes. Marta Nóvoa explicou que esta iniciativa, dotada con 70 millóns de euros ao longo de 2021 e 2022, contará con dúas liñas de apoios para contribuír ao mantemento do emprego e da actividade.

 

A primeira liña, que contará cun investimento de 30 millóns de euros, estará destinada a 30.000 autónomos que poderán percibir 1.200 euros ou 2.000 euros, no caso de que se trate de actividades paralizadas durante polo menos seis meses ou especialmente suspendidas, como o ocio nocturno. Os traballadores por conta propia que reciban o apoio deberán adquirir o compromiso de manter a actividade e o emprego como mínimo durante tres meses.

 

Así mesmo, a través da segunda liña de axudas, a Xunta destinará 40 millóns de euros para microempresas ou traballadores autónomos con persoal contratado ao seu cargo e que, desde a declaración do estado de alarma, teñan ou tivesen autorizado un ERTE pola Covid-19. Os beneficiarios deberán ter declaradas perdas de, polo menos, o 50 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior. Neste segundo caso concederase unha axuda de 4.000 euros, e incluso de 6.000€ se un autónomo ten contratados a outros traballadores, sendo as dúas axudas compatibles.

 

REACCIÓN “INCOMPRENSIBLE” DO PSOE EN OURENSE

 

Na súa intervención, a deputada popular tamén destacou que a Deputación de Ourense foi pioneira implantando unha orde de axudas directas por importe de 4 millóns de euros para 5.000 autónomos e pequenas e medianas empresas desta provincia.

 

“O que resultou incomprensible foi a reacción do Partido Socialista de Ourense a estas axudas, poñéndose en contra dos autónomos e as pequenas empresas só por puro sectarismo político, sendo capaz de denunciar ante a subdelegación a concesión destas axudas e poñendo en risco a súa permanencia”, criticou. Neste sentido, cualificou esta actuación dos socialistas ourensáns de “vergonzosa” e “única en España” ao “xudicializar unhas axudas directas que o único fin que teñen e facilitar a saída da crise que están atravesando autónomos e pequenas empresas da provincia ourensá”.

Comparte: