O Grupo Popular salienta que a Xunta leva investidos máis de 1,4 millóns de euros en medios e limpeza nos xulgados galegos durante a pandemia

19
Nov

O Grupo Popular salienta que a Xunta leva investidos máis de 1,4 millóns de euros en medios e limpeza nos xulgados galegos durante a pandemia


Santiago, 18 de novembro de 2020.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe no Parlamento galego que a Xunta leva investido máis de 1,4 millóns de euros na dotación de medios e mellora da limpeza nos edificios xudiciais galegos desde que comezou a pandemia da Covid-19. Porén, demandou que a Xunta continúe dotando aos xulgados de material de protección suficiente ante o coronavirus e demandou ao Goberno do Estado unha pronta regulación do teletraballo na Administración de Xustiza, así como unha solución definitiva ao sistema de comunicacións telemáticas Lexnet.

Paula Prado afirmou que a Xunta “está a adoptar desde o pasado mes de marzo aquelas medidas que de xeito coordinado se acordaron entre todos para fornecer os medios materiais e persoais que traballan na Administración de Xustiza en Galicia”.

 

MEDIDAS ADOPTADAS

 

“Para manter a actividade xudicial presencial ou en modalidade de teletraballo, que na actualidade ascenden a 610 profesionais, foi necesario habilitar unha serie de medios para cumprir coas recomendacións sanitarias”, manifestou.

 

Así, concretou que por unha banda foi necesaria a adaptación da arquitectura interna dos órganos xudiciais mediante a separación física de dous metros; a colocación de mamparas; a preparación das salas de vistas conforme ao aforo permitido; a cobertura dos micros das salas; e a dotación de máscaras, luvas, xel hidroalcohólico, pantallas faciais ou contedores específicos de residuos, entre outras achegas de material para a protección de todo o persoal que fai uso destas instalacións.

 

Pero, ademais, reforzouse os servizo de limpeza, tanto para a desinfección dos xulgados tras un caso positivo como para que a adecuación de cada unha das salas despois de cada un dos xuízos.

 

POSTA EN VALOR DA QUENDA DE OFICIO

 

Por outra banda, no debate sobre o orzamento destinado pola Xunta en materia de xustiza gratuíta, Paula Prado afirmou que o Goberno galego “vén atendendo todos os casos nos que existe o recoñecemento deste tipo de asistencia por parte das comisións de asistencia xurídica gratuíta”.

 

A viceportavoz popular referiuse ás medidas realizadas nos últimos anos para poñer en valor a quenda de oficio, como o incremento do baremo económico que perciben os avogados; e os avances tecnolóxicos incorporados para a xestión da xustiza gratuíta, que teñen permitido reducir a 20 días o tempo no que a Xunta transfire aos colexios de avogados o importe das compensacións, fronte aos 85 días do anterior Goberno Bipartito.

 

“Ademais, a Xunta adoptou medidas excepcionais durante o Estado de Alarma, adiantando máis de tres millóns de euros aos colexios de avogados e procuradores para darlles liquidez ou ofrecendo axuda aos colexios para os gastos correntes”, apuntou.

Comparte: