O Parlamento galego demanda un reparto dos fondos europeos baseado na transparencia e na obxectividade

25
Nov

O Parlamento galego demanda un reparto dos fondos europeos baseado na transparencia e na obxectividade

Santiago, 25 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co único voto a favor do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central que estableza un sistema de reparto dos fondos europeos baseado na transparencia e na obxectividade, que teña en conta os principios de subsidiariedade e goberno multinivel; de concorrencia competitiva; e de cohesión social e territorial.

O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, afirmou que os fondos europeos Next Generation “serán un impulso indispensable para reactivar as economías de todos os países membros, moi debilitadas tras esta longa pandemia”. “Pero tamén son unha gran oportunidade de futuro, porque esta crise só veu a adiantar, uns anos ou tal vez unhas décadas, a necesidade de transformación da nosa economía”, apuntou.

 

TRANSFORMAR O SISTEMA PRODUTIVO

 

Tellado subliñou “a importancia de que Galicia reciba os fondos europeos que necesita para transformar o seu sistema produtivo”, polo que defendeu “uns criterios de reparto dos fondos europeos marcados pola transparencia e a obxectividade”.

 

Ademais, fixo fincapé na necesidade de que neste reparto se respecten tres principios. En primeiro lugar, o principio de subsidiariedade e cogobernanza, “apostando porque as comunidades autónomas participen na definición dos criterios de reparto, como ocorre na maioría de países da Unión Europea”.

 

En segundo lugar, o principio de concorrencia competitiva, “de xeito que se disipe calquera risco de discrecionalidade ou arbitrariedade no proceso, establecendo uns criterios serios, transparentes e obxectivos”, concretou Miguel Tellado.

 

Por último, debería respectarse o principio de cohesión social e territorial, “porque debemos compaxinar a concorrencia competitiva cun mapa de axudas coherente coa realidade dos diferentes territorios”. Neste punto, o viceportavoz popular demandou que a distribución “teña en conta factores fundamentais como os niveis de renda per cápita, a porcentaxe de poboación que vive no rural, o reto demográfico ou a transición industrial”.

 

“Temos que saír desta crise económica e sanitaria, pero temos que facelo mellor do que estábamos, por iso este reparto de fondos é fundamental e determinante”, apuntou.

 

REPARTO OPACO E SEN CONTAR CON NINGUÉN

 

“O Estado de Alarma e toda a situación excepcional que estamos a vivir con esta pandemia non pode ser a escusa para que o Goberno de Pedro Sánchez acabe co presente e o futuro da economía galega”, alertou o viceportavoz popular. Neste sentido, lamentou que “quere acabar con todo o que está consolidado, atacando os nosos sectores produtivos ou abandonando á industria electrointensiva; e tamén quere quitarnos a posibilidade de construír un futuro, a través da transición cara unha economía verde e dixital”.

 

Miguel Tellado criticou que o Goberno central pretenda “repartir de forma opaca e sen contar con ninguén” estes fondos europeos. “Non os pode decidir un comité político formado por Pedro Sánchez en Moncloa e os seus supostos expertos invisibles”, manifestou.

Comparte: