O Pleno do Parlamento aproba a modificación da Lei de Saúde de Galicia

23
Feb

O Pleno do Parlamento aproba a modificación da Lei de Saúde de Galicia

Santiago, 23 de febreiro de 2021.- O Pleno do Parlamento galego aprobou a modificación da Lei de Saúde de Galicia, un texto lexislativo que a portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, cualificou como necesario e que vén a cubrir un baleiro legal que existía no noso país.

Ante a grave situación pandémica e logo de comprobarse a inacción do Goberno de Pedro Sánchez, que pasou toda a responsabilidade as Comunidades Autónomas, a voceira resaltou que mediante esta reforma pódese garantir unha actuación do Executivo autonómico proporcionada ao contexto actual por lei, restrinxíndose o exercicio do poder e aportando todas as garantías para unha asistencia digna para os contaxiados.

 

Segundo manifestou, a Xunta non fai nada que non estea previsto en termos xenéricos na Lei estatal: “Non fai falta ser xurista para saber que por lei se restrinxe mellor a arbitrariedade dos gobernos que a través dun regulamento e por lei tamén se facilita a revisión xudicial”, sinalou.

 

Despois de lamentar que os grupos da oposición sigan defendendo os incumprimentos de Pedro Sánchez, pediu que os discursos destes partidos se alonxen dos mesmos que se poden escoitar aos negacionistas, aclarando que a Lei aprobada hoxe, “lonxe de ser autoritaria, o que fai é regular e poñer límites ao que pode facer unha administración durante unha crise sanitaria”. Igualmente, explicou que o que non é garantista e podería acabar sendo autoritario é actuar sen máis control que a concisa Lei de medidas especiais de Saúde Pública do 86 “e que os xuíces non teñan máis criterios para interpretar e avaliar estas medidas”.

 

DAR CERTIDUMES FRONTE A IMPROVISACIÓN


Ademais, a portavoz de Sanidade resaltou que esta reforma desenvolve cando e como se poden aplicar moitas medidas que xa se viñeron empregando durante esta crise sanitaria, dando así maior seguridade xurídica a administrados e tribunais: “Ten uns obxectivos claros e concretos que non son outros que cubrir as lagoas e as carencias da lexislación actual vixente para loitar mellor contra a pandemia, unha situación sanitaria completamente nova e imprevista para todo o mundo”.

 

“É necesario dar certidumes legais, tanto aos administrados como ás administración”, insistiu precisando que, fronte á improvisación, ás incertezas e á disparidade de criterios xudiciais, a regulación por lei garante o automatismo das respostas, reduce incertezas e permite unha interpretación máis homoxénea polos tribunais da proporcionalidade e adecuación das disposición que a autoridade sanitaria adopte.

 

De igual xeito, remarcou que o primeiro que fai este texto lexislativo é delimitar que autoridades exercen de autoridade sanitaria en caso de pandemia e tamén se enumeran as medidas susceptibles de ser adoptadas por ditas autoridades.

 

Así mesmo, establécense medidas preventivas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se supoña a existencia de perigo para a saúde da poboación ou para unha persoa ou grupo de persoas, e prevese o illamento domiciliario ou a intervención dos centros de servizos sociais.

 

En canto ás garantías de protección dos dereitos da cidadanía, salientou que se impón como límite absoluto o respecto da dignidade da persoa e establécense unha serie de regras de actuación como a relativa á que deben ser o menos intrusivas e invasivas posible para lograr o obxectivo de saúde pública, subliñando que prevense que sexan temporais, transparentes e motivadas conforme a tres regras: a idoneidade, a necesidade e a proporcionalidade da norma adoptada.

 

Finalmente, destacou a introdución dalgunha cuestión engadida prestando unha especial atención ás novas tecnoloxías, como o mecanismo de información, prevención, detección e seguimento das enfermidades. Ademais, tamén se impón a necesaria colaboración entre a Administración galega e os concellos e establécese un réxime sancionador máis claro e máis completo.

Comparte: