Feijóo di que hai que parar o desmantelamento que o Goberno de Sánchez está facendo en Ferrolterra

26
Feb

Feijóo di que hai que parar o desmantelamento que o Goberno de Sánchez está facendo en Ferrolterra

Afirma que esta comarca, xunto coa de Eume e Ortegal, sofren unha situación industrial crítica con tendencia a empeorar

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, manifestou que hai que parar o desmantelamento “paulatino e silencioso” que o Goberno central está facendo nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, que sofren unha situación industrial crítica con tendencia a empeorar, sendo a peor dende hai décadas. Así se expresaba tras unha xuntanza con alcaldes e portavoces destas zonas na cidade de Ferrol, na que tamén estaban presentes o presidente local, José Manuel Rey, e o presidente provincial, Diego Calvo.

 

O líder dos populares galegos lamentou que, trala súa xuntanza con Pedro Sánchez e despois de reunirse coa ministra Teresa Ribera, pode afirmar que

non se esperan proxectos de futuro e que tampouco se están cumprindo os compromisos do presente. Ante isto, aclarou que os populares non van quedar calados e loitarán contra a dramática realidade dunha das zonas que máis depende do Executivo central, cuxas decisións demostraron ir todas en contra dos intereses lexítimos destas comarcas.

 

Tras lamentar que o Goberno permita desmantelar Siemens-Gamesa nas Somozas, cando aínda hai que executar parte dun gran concurso eólico nos próximos meses; e que non free o peche da central das Pontes, logo de que a empresa fixo un investimento de máis de 200 millóns de euros para poder seguir mantendo a súa actividade; fixo fincapé nas promesas incumpridas co naval.

 

Máis polo miúdo, referiuse aos retraso inexplicable das fragatas F-110 e á ausencia de novos contratos, recordando que hai 1.000 millóns de euros nos Presupostos do Estado sen gastar que tiñan que investirse en Navantia. Por este motivo, insistiu en pedir a construción dun barco ponte, un Buque de Acción Marítima, que garanta a carga de traballo ata que arranque o encargo das F-110, do mesmo xeito que reclamou a modernización do estaleiro para que non perigue tamén o contrato das fragatas.

 

Logo de trasladar o compromiso inquebrantable do PPdeG e da Xunta para traballar en defensa dos intereses dos veciños destas comarcas, solicitou ao resto de formacións políticas que “saian á rúa, describan a situación e pidan aos seus maiores políticos que deixen de esquecer unha realidade que avanza de forma constante”.

Comparte: