Pedro Puy pide “responsabilidade” para cumprir as normas da desescalada e “non haxa que volver atrás nas decisións adoptadas”

01
Mar

Pedro Puy pide “responsabilidade” para cumprir as normas da desescalada e “non haxa que volver atrás nas decisións adoptadas”

Santiago, 1 de marzo de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, fixo hoxe un chamamento á responsabilidade de todos os galegos para cumprir as normas de comportamento neste momento de desescalada e “non haxa que volver atrás nas decisións que se están adoptando para volver paulatinamente á normalidade”. Así mesmo, respecto do aniversario da primeira vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións galegas, manifestou que “en conxunto as cousas de fixeron razoablemente e así o avaliou en tres ocasións máis o pobo galego”, salientando as transformacións realizadas no tecido produtivo e social galego, así como o reforzamento dos servizos sanitarios e sociais.

Pedro Puy amosou a preocupación pola existencia dunha minoría que incumpre as normas da desescalada “e nos pode levar a unha nova restrición da actividade e da mobilidade”. “Cremos que é importante recuperar a actividade con responsabilidade, como o estamos a facer a maioría dos galegos e galegas, pero esa minoría que incumpre as normas debe ser consciente do dano que lle pode facer ao conxunto da sociedade”, engadiu.

 

“Estámonos xogando a saúde, a actividade e o futuro de Galicia”, afirmou o portavoz popular, quen avogou por “ser especialmente precavidos despois da experiencia da primeira, da segunda e agora da terceira onda, onde quedou demostrado a importancia das restricións e o coidado de limitar as relacións sociais para evitar a extensión do virus”.

 

Respecto da celebración do aniversario da vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións galegas de 2009, Puy lembrou que estes doce anos “estiveron marcados polas dúas crises económicas máis importantes que tivo Galicia na súa andadura autonómica”. Neste sentido, engadiu que “o tecido produtivo tivo un importante cambio, cunha caída menor do sector industrial nos últimos anos que a media nacional e cun incremento importante da capacidade exportadora”. Así mesmo, salientou o “esforzo modernizador de integrarse nos mercados, particularmente no europeo, que da certa marxe de resistencia con relación ao que ten a economía española, cunha caída de dous puntos máis no PIB”.

 

“Collemos o bo camiño, pero un sempre quixera ter avanzado máis rápido”, indicou Pedro Puy, quen concretou que “me gustaría ter actuado antes para conseguir máis renovación das empresas e máis capacidade na exportación, de xeito que o camiño que emprendemos en 2009 avanzara aínda máis”.

 

O portavoz popular asegurou non compartir algunhas das críticas da oposición “porque os feitos da crise contradín o que se están a dicir”. “A crise financeira deixou un incremento do endebedamento das administracións públicas, que en Galicia foi máis moderado, pero hoxe estamos a ver que a capacidade de dar resposta á crise da Covid-19 polo Goberno de España vese mermada polo feito de que a economía española non ten esa capacidade de financiamento que si teñen outras economías que volveron á senda da estabilidade orzamentaria antes, e saíron da crise financeira de 2008 con máis forza”. “Pensando nunha futura nova crise todos debemos ser conscientes de que cando veñen mal dadas é necesario ter unha economía saneada e equilibrada”, incidiu.

 

MELLORES INTENCIÓNS DE ACORDO

 

Por outra banda, cuestionado sobre a solicitude de entrevista realizada pola voceira do BNG ao Presidente da Xunta, Pedro Puy saudou “o cambio de postura dos nacionalistas galegos que ata a presente lexislatura non aceptaban que existira a figura de xefe da oposición no Parlamento de Galicia”.

 

Ademais, lembrou que “estamos a traballar na Cámara galega coas mellores intencións de acadar acordos en todas as cuestións que formula” a portavoz do BNG, concretando que “xa pactamos un mecanismo para chegar a acordos nesas materias, que é a Comisión de Reactivación económica de Galicia, que en breve comezará o intercambio de propostas para chegar a acordos”.

 

“O obxectivo final é superar a pandemia sanitaria e a crise económica e non estamos para xustificar na pandemia o avance en programas electorais máis xenéricos que non están directamente vencellados coa pandemia e que as eleccións non veñen de ratificar”, apuntou.

Comparte: